A USC actualiza a súa rede de datos para os vindeiros dez anos

A Universidade de Santiago acaba de actualizar a súa rede de datos para os vindeiros dez anos, mellorando así en velocidades, estabilidade, redundancia e capacidade de novos servizos de seguridade, análise e monitorización.
A migración á nova rede de datos da USC, que se fixo en tres meses, explicaraa este mércores en Salamanca o seu responsable, Antonio Pérez Casas, nas Xornadas Técnicas de RedIris, nun panel de relatorios dedicados a infraestruturas e servizos para a docencia e a investigación.
“A transformación dixital permanente da USC, cun nivel de descentralización e número moi elevado de edificios -máis de 120 nos campus de Santiago e Lugo- nos obrigaba a ter unha base de infraestrutura TIC o más consolidada e estable posible”, explica Pérez Casas.
Así, a nova rede resolve un problema de soporte e mantemento do equipamento troncal e inclúe importantes melloras entre as que destacan a duplicidade de todos os equipos e liñas de conexión simplificando o mantemento e mellorando a resposta por avarías, así como un incremento moi significativo de velocidades e capacidades en todos os nodos da rede. “Con esta nova infraestrutura poderemos incorporar novas funcionalidades, como políticas unificadas de autenticación de usuarios, visibilidade da rede ou melloras de seguridade”, engade.