Skip to main content

A profesora Lourdes Mirón Redondo tomou posesión como nova decana da Facultade de Psicoloxía

Lourdes Mirón, no centro, acompañada do reitor e membros do equipo reitoral. Foto: Santi Alvite
Lourdes Mirón, no centro, acompañada do reitor e membros do equipo reitoral. Foto: Santi Alvite

“Este equipo, esta facultade tende a súa man para o desenvolvemento dun proxecto de universidade pública consciente da importancia da súa tarefa: a formación de novas xeracións de cidadáns que poidan e saiban vivir en igualdade”. A profesora Lourdes Mirón Redondo rematou con estas palabras o seu discurso no acto protocolario de toma de posesión como decana da Facultade de Psicoloxía presidido polo reitor Antonio López no propio centro. Os profesores Santiago Galdo Álvarez e Ana López Durán, como vicedecanos, e Montse Martín, como secretaria, completan o equipo de dirección da Facultade.

A profesora Lourdes Mirón formulou no seu discurso de toma de posesión reflexións sobre "compromisos, principios e valores que teñen guiado o noso quefacer diario e van continuar facéndoo” . Así, reivindicou o compromiso do equipo decanal “coa psicoloxía como disciplina e como profesión” e polo tanto “coa docencia, co alumnado e coa tarefa de ensinar”. Igualmente, avogou pola igualdade, “o que implica o compromiso coa defensa da universidade pública, e o compromiso coa promoción da igualdade entre homes e mulleres”.

No desenvolvemento destas ideas, a profesora Mirón lembrou que “a universidade produce beneficios, produce coñecemento e o transmite, forma as novas xeracións, e unha universidade pública é, ademais, tanto o resultado como a garantía da democracia e a igualdade social”. En conxunto, “nin a igualdade xénero nin a democracia se manteñen soas, hai que loitar por elas”.

A toma de posesión da nova decana inicia un cambio no protocolo deste tipo de actos para “ achegalos aos verdadeiros protagonistas, os decanos e decanas e aos propios centros. Non debemos esquecer que tamén conforman o goberno da Universidade”, explicou na súa intervención o reitor Antonio López. O reitor mostrou a súa satisfacción por iniciar este novo ciclo na Facultade de Psicoloxía, “un centro que fai docencia de calidade e investigación do máis alto nivel a través dos seus grupos punteiros”. López trasladou o seus “mellores desexos para esta facultade que mantén unha liña continuada de rigor e bo facer, constituíndo un selo de referencia”.

Igualmente, dentro do cambio de protocolo, os equipos decanais saíntes terán oportunidade de dirixirse á comunidade universidade do centro, nesta ocasión en boca da profesora Socorro Rodríguez Holguín, quen agradeceu a implicación de todo o persoal, docente e investigador e de administración e servizos, durante o seu mandato polo seu bo facer e implicación.

Eleccións
A profesora Lourdes Mirón Redondo foi elixida o pasado mes de outubro nova decana e sucede a Socorro Rodríguez Holguín á fronte do decanato. Mirón Redondo é profesora titular de universidade da Área de Psicoloxía Social do Departamento de Psicoloxía Social, Básica e Metodoloxía. As súas principais liñas de investigación son a violencia intergrupal e a relación entre agresión e xénero.

Obxectivos
A decana Lourdes Mirón proponse como prioridades para os próximos anos avanzar na liña na que se vén traballando en aspectos como a participación activa de todos os sectores no bo funcionamento e a toma de decisións. A consolidación das prácticas externas e a colaboración co Colexio Oficial de Psicoloxía de Galicia (COPG), ou as accións de acollida e acompañamento aos novos estudantes e aos alumnos/as de intercambio, constitúen outros dos retos fixados polo novo decanato.

Mirón Redondo tamén fixa como obxectivos do seu mandato facer visibles as iniciativas da Facultade, os seus logros e necesidades, nas distintas instancias, ademais de impulsar estratexias de relación cos egresados e afianzar iniciativas destinadas á igualdade de xénero.

No acto estaba presente o resto do equipo decanal (primeira fila á dereita) e as dúas profesoras do saliente (primeira fila á esquerda). Foto: Santi Alvite De dereita a a esquerda, a secretaria xeral Dulce García, Lourdes Mirón, Antonio López e a anterior decana, Socorro Rodríguez. Foto: Santi Alvite

The contents of this page were updated on 09.14.2018.