Skip to main content

Preto dun milleiro de participantes danse cita na Feira Virtual de Emprego da USC

Vista da plataforma que aloxa a Feira Virtual de Emprego da USC, que congrega preto dun milleiro de participantes.
Vista da plataforma que aloxa a Feira Virtual de Emprego da USC, que congrega preto dun milleiro de participantes.
Este evento en liña diríxese a estudantes e persoas tituladas pola institución compostelá e permitirá o acceso a ofertas de traballo, charlas e foros para aclarar dúbidas
Lugo, Santiago de Compostela

A Feira Virtual de Emprego da USC botou a andar este mércores 10 de maio para fomentar a empregabilidade do estudantado e  das persoas egresadas da institución compostelá. A través deste foro virtual que se estende ata o xoves 11 con preto dun milleiro de inscricións, as persoas usuarias poden acceder a empresas con ofertas de traballo, charlas de interese en materia de empregabilidade e chats para aclarar dúbidas. Os e as interesadas poden rexistrarse na plataforma habilitada pola Feira e deixar os seus datos xunto cun currículo en formato pdf. A primeira das xornadas comezou co saúdo da vicerreitora de Estudantes e Servizos, Pilar Murias, quen deu a benvida, a través dun vídeo, a todas as persoas participantes.     

Ao longo destas dúas xornadas as persoas rexistradas poderán, de 8.00 a 20.00 horas, presentar o seu currículo a ofertas de emprego, asistir ás charlas ofertadas na sección ‘Axenda de Conferencias’ con inscrición previa, conversar en liña coas empresas e coas orientadoras da Área de Orientación Laboral e Emprego da USC, ou acceder a múltiple información das entidades participantes (vídeos, ligazóns ou redes sociais, entre outros contidos).

“Na lapela de expositores, pode verse unha listaxe dos que están conectados e facendo clic en calquera deles, poderán atoparse os representantes desa entidade que están conectados e listos para conversar en liña tanto polo chat público como polo privado. As persoas usuarias poden ter varias conversacións ao mesmo tempo, compartir documentos e mesmo solicitarlles unha videochamada a través do videochat integrado da plataforma”, explican dende a organización da Feira.

Unha vez rematado o evento, aínda que  xa non estará dispoñible a conversa en liña, seguirá aberto o acceso ás ofertas de traballo, así como a presentación do currículo ata o domingo 14. As dúbidas sobre a Feira poden dirixirse ao enderezo electrónico orientacion.laboral.santiago [at] usc.es (orientacion[dot]laboral[dot]santiago[at]usc[dot]es) 

 

The contents of this page were updated on 05.10.2023.