Skip to main content

Comezou o I Congreso Internacional de Altas Capacidades

De dereita a esquerda, Victoria Otero, Manuel Dios, Antonio López, Carmen Pomar, Román Rodríguez e Mar Uzal. Foto: Santi Alvite
De dereita a esquerda, Victoria Otero, Manuel Dios, Antonio López, Carmen Pomar, Román Rodríguez e Mar Uzal. Foto: Santi Alvite

A Unidade de Atención Educativa en Altas Capacidades da USC e ASAC Galicia organizan estes días en Santiago o I Congreso Internacional Noroeste de Altas Capacidades, que reúne algún dos máis recoñecidos investigadores internacionais neste campo.

Como apunta a profesora Carmen Pomar, directora da mencionada Unidade da USC e presidenta do comité científico do encontro, esta é a primeira vez, desde hai máis de 20 anos, que en España se reúnen figuras de tan alto recoñecemento como Joseph Renzulli, Sally Reis, Javier Tourón e Luz Pérez, unidas ás novas xeracións representadas por Carmen Ferrándiz e a propia Pomar.

O congreso inaugurouse no palacio de Congresos e Exposicións de Galicia nun acto que contou coa presenza do reitor Antonio López e do conselleiro de Educación, Román Rodríguez, ademais do concelleiro Manuel Dios, e Carmen Pomar e Mar Uzal como presidentas dos comites científico e organizador, respectivamente. A conferencia de apertura correu a cargo de Joseph S. Renzulli, director do Centro Renzulli para a Creatividade, a Educación de Altas Capacidades e o Desenvolvemento do Talento da Universidade de Connecticut. O Modelo de Enriquecemento Curricular (SEM) deseñado por el a a profesora Sally Reis leva en vigor máis de 30 anos e foi avalado por centenares de investigacións en todo o mundo. A continuación desenvolvéronse mesas sectoriais con profesorado, orientadores e orientadoras e familias.

Pola tarde ten lugar o relatorio ‘Retos futuros da intelixencia e o talento: investigación, educación e sociedade’ de Luz F. Pérez Sánchez, catedrática de Psicoloxía Evolutiva e da Educación na Universidade Camilo José Cela. Conta cunha gran traxectoria profesional en investigación de intelixencia humana e especialmente na área de alumnado con Necesidades Educativas Específicas por Sobredotación ou Altas Capacidades Intelectuais. É ademais presidenta da Sociedade Española para o Estudo da Superdotación.

Vindeiros días O programa do sábado dará comezo coa conferencia O Talent Search: un modelo de identificación para as escolas’ a cargo de Javier Tourón Figueroa, vicerreitor de Innovación e Desenvolvemento Educativo da Universidade Internacional de La Rioja-UNIR e catedrático de Métodos de Investigación e Diagnose en Educación. Tourón fundou e dirixiu o centro para a atención educativa de alumnado de alta capacidade CTY España.

Seguiralle Carmen Ferrándiz García, profesora da Universidade de Murcia e directora do Centro de Estudos para o desenvolvemento da Superdotación, o Talento e a Excelencia (CEDESTE), co relatorio ‘Creatividade e alta habilidade’. A tarde desa xornada dedicarase a desenvolver distintas mesas de debate con persoas destacadas polo seu talento artístico, científico, deportivo, musical ou literario.

O encontro rematará o domingo coa conferencia, ás 10.00 horas, da profesora do Departamento de Psicoloxía Evolutiva e da Educación da USC Carmen Pomar titulada ‘O talento nas aulas: retos para a educación inclusiva’. Desde a Unidade de Atención Educativa en Altas Capacidades que dirixe foi responsable de distintos proxectos educativos como Talento 3.0 de formación de profesorado galego en identificación e promoción do talento nas aulas, o proxecto PITEAS, o de Enriquecemento Ronsel do Campus para nenos e nenas con AC, o QVO do Concello da Coruña ou o proxecto aprend-Arte da Fundación Jove. É ademais autora da guía O triángulo máxico das altas capacidades para profesorado galego.

Deseguido, terá lugar un acto dedicado á muller co que se porá o broche a esta cita científica. Corresponderalle a Sally M. Reis, presidenta de Letitia Neag e profesora distinguida da xunta de conselleiros da Escola de Educación Neag da Universidade de Connecticut (UConn), coa conferencia ‘The talent Denied and Talent Lost: Challenges and Compromises of Gifted Girls and Women’.

O reitor Antonio López presidiu o acto inaugural. Foto: Santi Alvite Público asistente ao encontro. Foto: Santi Alvite

The contents of this page were updated on 09.14.2018.