Skip to main content

Un Campus Tecnolóxico formará en programación e novas tecnoloxías a cativada de entre 6 e 16 anos

Baixo o lema ‘Stem camp misión a Marte’, esta primeira edición formulará unha viaxe ficticia ao planeta vermello
Baixo o lema ‘Stem camp misión a Marte’, esta primeira edición formulará unha viaxe ficticia ao planeta vermello
Terá lugar na ETSE e na EPSE durante as semanas do 26 ao 30 de xuño e do 3 ao 7 de xullo
Lugo, Santiago de Compostela

A primeira edición do Campus Tecnolóxico celebrarase na Escola Técnica Superior de Enxeñaría (ETSE) do Campus de Santiago de Compostela e na Escola Politécnica Superior de Enxeñaría (EPSE) do Campus de Lugo durante as semanas do 26 ao 30 de xuño e do 3 ao 7 de xullo. Esta iniciativa pretende promover o desenvolvemento na cativada de habilidades relacionadas coa linguaxe da programación e as novas tecnoloxías. Dirixido a nenos/as e mozos/as de entre 6 e 16 anos, contará con obradoiros de drons, domótica, IoT (Internet of Things) con Micro:Bit, talleres de Robótica con Lego, Edison e Arduino, de programación de APPs e desenvolvemento de videoxogos ou fabricación dixital con impresoras 3D.

Baixo o lema ‘Stem camp misión a Marte’, esta primeira edición formulará unha viaxe ficticia ao planeta vermello. “Todos xuntos descubriremos que a Terra pronto non será habitable e que o planeta vermello podería ser a nosa salvación. Mergullámonos nesta aventura explorando, inventando, construíndo e descubrindo se a vida é posible neste novo fogar”, explican dende a organización que corre a cargo de Play Code Academy.

“Todos os talleres están especialmente pensados para que o alumnado o pase xenial. Adaptados por idades e niveis, descubrirán como utilizar a tecnoloxía para expresarse, construír, colaborar e compartir. Farán novas amizades e aprenderán a linguaxe do futuro: o da programación”, engaden. O horario das actividades desenvolverase de 9.00 a 14.00 horas, de luns a venres, cun receso a media mañá. A inscrición pode formalizarse a través da páxina web do Campus Tecnolóxico ata que se esgoten as prazas ou ata quince días antes do inicio da actividade.

The contents of this page were updated on 05.31.2023.