Skip to main content

USC, Xunta e AECOC impulsan un foro para acelerar as oportunidades laborais da mocidade

O evento conta con sesións plenarias e obradoiros prácticos
O evento conta con sesións plenarias e obradoiros prácticos
Un cento de estudantes de último curso ou titulados/as recentes de toda España terán a oportunidade de recibir o vindeiro 20 de xuño, na Facultade de Ciencias da Comunicación, asesoramento sobre as competencias profesionais que o sector do gran consumo necesita dun xeito práctico. A inscrición remata o 31 de maio
Santiago de Compostela

O Summer Camp AECOC do gran consumo 2023 chegará o 20 de xuño a Santiago de Compostela da man da USC, da Xunta de Galicia e da Asociación de Fabricantes e Distribuidores AECOC. Este punto de encontro pretende estreitar as relacións Universidade-empresa e acelerar as oportunidades laborais da mocidade, facilitando a captación de talento por parte das compañías participantes.

Deste xeito, seleccionarase un cento de persoas menores de 30 anos de toda España que, ou cursen o último ano do seu grao ou mestrado, ou sexan titulados/as recentes a piques de incorporarse ao mercado laboral, para participar en xornadas de networking con empresas en busca de talento universitario. A quinta edición desta iniciativa desenvolverase na Facultade de Ciencias da Comunicación e as persoas interesadas en participar deberán solicitalo a través dun formulario electrónico ata o 31 de maio. Este evento ofrece a posibilidade de achegar o estudantado a persoal de recursos humanos de empresas para que lles brinden asesoramento sobre as competencias profesionais que o sector necesita dun xeito práctico.

Cada empresa, un reto

O evento conta con sesións plenarias e obradoiros prácticos. Así, en grupos de traballo, a mocidade participante resolverá os retos formulados polo persoal directivo da empresa desafiante, que avaliará e dinamizará os estudantes no proceso de traballo. Cada grupo exporá a súa resolución ante un xurado integrado por todo o persoal directivo de recursos humanos participantes no obradoiro, que avaliarán cuestións como o rigor e interese da proposta, creatividade, habilidade de síntese e de comunicación, visión global ou traballo en equipo, entre outros aspectos.

Ademais, elaborarase unha ficha coas competencias de cada estudante, de tal xeito que cada persoa participante reciba un informe de avaliación cos seus puntos fortes e oportunidades de mellora. Cada empresa recibirá tamén os currículos e os devanditos informes de avaliación.

The contents of this page were updated on 05.12.2023.