Skip to main content

Un equipo da USC deseñou unha trintena de accións para mellorar as capacidades xerenciais e pegagóxicas do profesorado en universidades asiáticas

Participantes no proxecto
A conferencia final do proxecto desenvolveuse nestes últimos días en Casaquistán
Este é un dos resultados do proxecto DeSST (Development of Skills and Teachers Training for Leadership) que acaba de celebrar en Casaquistán a súa conferencia final coa presenza de investigadores da USC

Investigadores da Facultade de Ciencias Políticas e Sociais participaron estes días na conferencia final do proxecto DeSST (Development of Skills and Teachers Training for Leadership), desenvolvido no marco do programa Erasmus KA2, celebrada na Manash Kozybayev North Kazakhstan State University de Casaquistán. O equipo da USC integrábano Lorena Añón Loureiro, Ramón Bouzas Lorenzo, Francisco Haz Gómez e Mario Lado Campelo que participaron nunha xuntanza na que tamén tomaron parte medio cento de especialistas doutras sete universidades de Casaquistán, Italia, Mongolia e Polonia.

Durante esta reunión avaliáronse as iniciativas que o consorcio de universidades participantes levou á práctica dende 2020 coa finalidade de potenciar a formación do profesorado universitario destinada a desenvolver perfís de liderado no ámbito da educación superior a través de programas de construción de interacción líder-persoal colaborador, desenvolvemento de capacidades individuais e perfeccionamento de competencias de xestión. O proxecto que agora remata concrétase en máis de trinta accións desenvolvidas dende a USC para mellorar as capacidades xerenciais, sociais e pedagóxicas do profesorado, a asistencia no deseño e implementación de currículos formativos regrados nas universidades colaboradoras de Asia central e a creación nesas mesmas universidades de infraestruturas de apoio tecnolóxico ao perfeccionamento das capacidades de liderado de docentes.

O profesor Ramón Bouzas, coordinador do proxecto na USC, valorou moi satisfactoriamente o rendemento e integración do equipo de catorce profesores, vinculados a un total de seis grupos de investigación, que dende a USC contribuíu a conseguir os obxectivos do proxecto. Igualmente, Bouzas puxo énfase no impacto positivo do labor desenvolvido nas universidades destinatarias e subliñou o interesante potencial que pode ter para a comunidade académica da USC a apertura de novas liñas de cooperación coas universidades de Asia central. Ademais, tamén lembrou o éxito que supuxo manter as mobilidades do persoal participante no proxecto a pesar das restricións xurdidas durante a pandemia,. Nese sentido agradeceu a colaboración do persoal da Embaixada de España en Casaquistán, cuxas xestións cualificou de determinantes para manter o plan de traballo deseñado.

Antes de finalizar a estadía, o Embaixador de España en Casaquistán, Jorge Urbiola López de Montenegro, recibiu en Astaná á delegación da USC e transmitiulle os parabéns por contribuír a potenciar as relacións coas institucións educativas do país asiático, animando a afondar unha  cooperación que as autoridades diplomáticas se comprometen a apoiar.

De esquerda a dereita: Mario Lado, Lorena Añon, Jorge Urbiola, Ramón Bouzas e Francisco Haz
De esquerda a dereita: Mario Lado, Lorena Añon, Jorge Urbiola, Ramón Bouzas e Francisco Haz
The contents of this page were updated on 05.15.2023.