Skip to main content

Xestión cultural, unha xanela cara a novas oportunidades

Giselle Vinokur Ferreyro, no Campus de Lugo
Giselle Vinokur Ferreyro, no Campus de Lugo
A socióloga bonaerense e alumna do mestrado en Servizos Culturais na Facultade de Humanidades da USC Giselle Vinokur Ferreyro participará en xullo na Residencia Literaria da Cidade da Cultura xunto con Marilar Aleixandre e Brenda Navarro, coa idea de rematar a súa ópera prima, ‘Os cen nomes da choiva’
Lugo

A xestión cultural antóllase como unha xanela infinita aberta cara a novas oportunidades, tal e como é o caso de Giselle Vinokur Ferreyra, unha socióloga bonaerense que recalou na Facultade de Humanidades do Campus de Lugo da USC cunha Bolsa Excelencia Mocidade Exterior (BEME) da Xunta de Galicia para completar o mestrado en Servizos Culturais, á que agora se lle presenta a oportunidade de participar do 3 ao 15 de xullo na Residencia Literaria da Cidade da Cultura 2023, onde poderá recibir a crítica e compartir os seus textos e lecturas con Marilar Aleixandre ou Brenda Navarro, ademais de co resto de participantes.

A idea central desta residencia de creación literaria, dirixida por Javier Peña López, é a de favorecer a creación unha rede de contactos entre autores, ademais de ofrecer un clima axeitado para que as persoas participantes poidan avanzar nos seus respectivos proxectos persoais, relata Giselle Vinokur. No meu caso, engade, “vou traballar a miña primeira novela, unha obra podería catologarse de auto-ficción, que se desenvolve baixo o título ‘Os cen nomes da choiva”.

“A idea xurdiu a partir dunhas postais de meus bisavós paternos, migrantes xudeos de Polonia, e as preguntas pola historia da miña avoa galega, oriunda de Portomarín e á que non coñecín porque finou antes de que eu nacera”, explica Giselle, para logo comentar que “comecei a traballar neste obra en Arxentina, nun obradoiro coa escritora e docente Gabriela Yocco, coa que aínda sigo en contacto. Penso que a obra está xa moi avanzada, pero fáltalle algo de traballo, sobre todo lectura crítica, o que agardo que me ofreza esta residencia literaria”.

“É una novela de viaxe no seu senso máis amplo: a da transformación do personaxe, entendido como o autocoñecemento. A pregunta polo tempo, o movemento e as raíces máis fondas guía o relato. Pero tamén é un texto sobre as crisis vitais, cunha estrutura fragmentada, como é a das lembranzas”, explica Vinokur Ferreyro.

Ilusionada con esta nova oportunidade para materializar a súa primeira novela, Giselle recoñece que de sempre se sentiu atraída pola cultura. “Xa desde moi cativa estiven ligada á arte, estudei ballet profesional no Teatro Colón de Bos Aires e teño participado en diversos obradoiros de teatro, fotografía, música, acrobacia e, por suposto, literatura”, relata esta alumna de posgrao, quen recoñece que “esta paixón pola cultura fixo que tomara a decisión de cursar o mestrado en Servizos Culturais na USC, unha formación que me ampliou a visión respecto do mercado editorial, que é o que máis me interesa, e que tamén me deu a oportunidade de ter acceso a este tipo de bolsas”.

“¡Todo saíu perfecto!”, exclama Giselle Vinokur, quen compaxina o seu labor de creación literaria co traballo de fin de mestrado, unha investigación na que está a poñer en práctica unha socioloxía da literatura enfocada a temáticas de migración e exilio, a través da escrita do arxentino Juan Gelman e o galego Isaac Díaz Pardo.

The contents of this page were updated on 05.16.2023.