Juan Lema, investido doutor ‘honoris causa’ pola UAB
Juan Manuel Lema, profesor emérito da USC, acaba de ser investido doutor honoris causa pola Universidade Autónoma de Barcelona (UAB). O reitor Javier Lafuente subliñou do profesor Lema "o seu carácter reflexivo e afable, o seu rigor e o seu exemplo na defensa dunha concepción de universidade profundamente comprometida co avance da ciencia e co progreso da sociedade". Antes de incorporarse á USC, Lema foi profesor do Departamento de Enxeñaría Química da UAB, onde dirixiu as primeiras investigacións nos campos da enxeñaría ambiental e da enxeñaría biolóxica.Ademais, convértese no primeiro honoris causa da Escola de Enxeñería da UAB nos seus máis de vinte anos de historia.
Na súa lección maxistral, Juan Lema repasou a súa traxectoria na UAB e na USC, marcada pola implantación e o desenvolvemento da enxeñería bioquímica, un concepto que "xorde por primeira vez a finais dos anos 1940", e reivindicou unha denominación máis holística que recolla "unha visión moito máis ampla dos problemas considerados”. Evocou tanto a implantación do ámbito da enxeñería química na UAB como o desenvolvemento da disciplina na USC. Congratulouse ademais por apostar dende o principio por temas "que eran emerxentes a nivel internacional e que ao longo dos anos tiveron tanto desenvolvemento". "Éncheme de felicidade ver os grandes desenvolvementos persoais e profesionais" dixo en relación aos grupos de investigación cos que traballou tanto na Autònoma como en Santiago.
Traxectoria
Juan Lema foi director do Departamento de Enxeñaría Química da USC, promotor e primeiro director da Escola Técnica Superior de Enxeñaría (ETSE), presidente da Conferencia de Directores e Decanos de Enxeñería Química (CODDIQ) de España e coordinador da agrupación CRETUS, actualmente un dos centros singulares de investigación da USC.
Impulsor e director do grupo de investigación ‘Biotecnoloxía ambiental’ (Biogroup), Lema dirixiu máis de medio cento de teses de doutoramento. O profesor emérito da USC ten manifestado a súa satisfacción ao constatar o gran desenvolvemento profesional das súas doutorandas e doutorandos, entre os que se atopan uns 30 profesores (once deles catedráticos de universidade), en once universidades de España, Chile, México, Emiratos árabes, Holanda e Colombia.
O profesor Lema recibiu numerosas distincións ao longo da súa dilatada traxectoria académica e investigadora, entre elas, o doutoramento honoris causa pola Pontificia Universidade Católica de Valparaíso (Chile), e polo Politécnico de Milán, así como o nomeamento de Profesor Honorario da Universidade de Queensland (Australia). Por outra banda, recibiu a insignia de ouro da USC, é Fellow da International Water Association e é receptor de numerosos premios de investigación. Figura na lista de Stanford do 2% de científicos máis citados a nivel mundial.
Está considerado un referente internacional na investigación en dixestión anaeróbica (característica dos microorganismos que descompoñen material biodegradable en ausencia de osíxeno) e na caracterización e tratamento de microcontaminantes en augas residuais. Coordinou ou participou en 48 proxectos de investigación financiados pola Unión Europea, a Comisión Española de Ciencia e Tecnoloxía ou a Xunta de Galicia. Entre outras distincións, recibiu o European Prize A- IQS for Industrial Enzymes, o premio Babcock á innovación tecnolóxica ou o premio da Fundación García Cabrerizo á innovación científica.