Skip to main content

USC e UTAD intensifican a cooperación nos ámbitos científico e académico na eurorrexión Galicia-Norte de Portugal

Autoridades académicas da USC e da UTAD, na sede institucional da USC en Lugo
Autoridades académicas da USC e da UTAD, na sede institucional da USC en Lugo
Unha delegación da Universidade de Tras os Montes Alto Douro, encabezada polo reitor Emídio Ferreira dos Santos, visita o Campus Terra da USC para incentivar a mobilidade interuniversitaria, avanzar no deseño de programas de doutoramento conxunto, ademais de para perfilar a candidatura dun proxecto Interreg sobre dixitalización da historia clínica veterinaria liderado pola Fundación Rof Codina e explorar outras convocatorias competitivas no marco do programa Horizonte Europa
Lugo, Santiago de Compostela

A USC e a Universidade de Tras os Montes Alto Douro (UTAD) intensifican a súa cooperación nos ámbitos científico e académico na eurorrexión Galicia-Norte de Portugal, tal e como se constatou este venres no marco da visita realizada por unha delegación da universidade lusa ao Campus Terra da USC. A activación de medidas orientadas a fomentar o intercambio de estudantes, docentes e investigadores entre a as dúas universidades e o deseño de programas de doutoramentos dobres centraron algunhas das cuestións abordadas ao longo desta xuntanza de traballo, na que tamén se se avanzou na definición da dun proxecto Interreg sobre dixitalización da historia clínica veterinaria liderado pola Fundación Rof Codina xunto coa UTAD, ademais de explorar a posibilidade de concorrer conxuntamente a outras convocatorias competitivas no marco do programa Horizonte Europa.

A afinidade entre a oferta académica de grao e posgrao existente entre o Campus Terra da USC e a institución académica lusa, a proximidade xeográfica destas dúas sedes universitarias e a idiosincrasia compartida entre Galicia e Portugal son argumentos suficientes para intensificar a colaboración entre a USC e a UTAD, segundo salientou o reitor da universidade lusa Emídio Ferreira dos Santos, quen se ben centrou o cometido deste encontro no ámbito das ciencias clínicas veterinarias, reiterou a súa vontade de fortalecer as relacións coa USC en todos os ámbitos e áreas posibles.

Ferreira dos Santos aproveitou a xuntanza celebrada na sede institucional da USC en Lugo, localizada no Pazo de Montenegro, cos vicerreitores da USC de Organización Académica e Campus de Lugo, Francisco Fraga; Política Científica, Vicente Pérez Muñuzuri, e Titulacións e Relacións Internacionais, María José López Couso, ademais de coa delegada do Reitor para o Campus Terra, Elvira López Mosquera, e a directora científica do Centro de Biomedicina Veterinaria (Cebiovet), Azucena Mora, para dar conta das fortalezas da UTAD, tal e como son a progresiva internacionalización do seu alumnado ou a próxima implantación do grao en Medicina a carón da Facultade de Medicina, e tamén para alertar da pronunciada caída demográfica que afecta á rexión do norte de Portugal como un dos maiores retos que debe sortear a institución lusa nos próximos anos.

Propósitos compartidos

Os intereses manifestados polo reitor da UTAD coinciden en gran medida cos propósitos da USC, que tamén expresaron a súa predisposición en estreitar as ligazóns xa existentes entre as dúas universidades e materializadas en máis dunha ducia de proxectos conxuntos de I+D+i , ademais doutros convenios de áreas específicas.

O vicerreitor de Política Científica da USC salientou neste senso o “proxecto gañador” sobre dixitalización da historia clínica veterinaria que presentará o Rof Codina xunto coa UTAD á próxima convocatoria Interreg, ao tempo que animou a explotar estas sinerxías para optar a novas metas en materia de I+D+i no marco do programa Horizonte Europa. , Vicente Pérez Muñuzuri aproveitou a presenza do reitor portugués, que estivo acompañado da Pró-Reitora para as Parcerias e Relações Internacionais da UTAD, Cristina Teixeira Saraiva; do director do Hospital Veterinario da UTAD, Filipe Silva, e da directora do Departamento de Ciencias Clínicas Veterinarias da mesma universidade, Isabel Pires, para trasladar o interés do Campus Terra da USC por estar presente no Laboratorio Ibérico Internacional (Iberian FoodTec Lab). A inexistencia de barreiras lingüísticas entre Galicia e Portugal, como vantaxe para o intercambio de alumnado de grao, mestrado e doutoramento, así como para a realización de prácticas e estadías nunha e noutra universidade, foron outros dos argumentos que, segundo a USC, facilitan a crecente colaboración coa universidade lusa.

Rof Codina

A delegación institucional da UTAD aproveitou a súa estadía no Campus de Lugo para visitar distintos laboratorios e servizos da Facultade de Veterinaria, tales como a sala de necropsias, as aulas de simulación virtual e de habilidades clínicas e mesmo os laboratorios de Microbioloxía e Enfermidades Infecciosas. Ao remate deste percorrido polas instalacións universitarias, o xerente da Fundación Rof Codina, Javier Ferreira, e o director do hospital veterinario, Antonio González Cantalapiedra, guiaron a delegación lusa nunha visita polas dependencias hospitalarias e do Cebiovet na que tamén participou a vicexerenta xeral técnica da USC, Pilar Martínez.

Xa en quenda de tarde, e logo de manter unha xuntanza co reitor da USC, Antonio López, a delegación institucional da Universidade de Tras os Montes Alto Douro completou a súa estadía na sede universitaria luguesa cunha visita ás instalacións da Granxa Experimental do Campus Terra, localizada na finca Gayoso-Castro da Deputación Provincial de Lugo.

The contents of this page were updated on 05.19.2023.