Skip to main content

O xornalista Ignacio Ramonet impartirá un seminario sobre xeopolítica o xoves 25 en Ciencias da Comunicación

Cartel do seminario
Cartel do seminario
Baixo o título ‘O mundo en 2023: Anatomía dunha policrise’, o doutor ‘honoris causa’ pola USC profundará nas consecuencias de acontecementos como a COVID-19 ou a guerra en Ucraína
Santiago de Compostela

Ignacio Ramonet, doutor honoris causa pola USC en 2003, regresa vinte anos despois para informar e debater sobre a xeopolítica contemporánea. O vindeiro xoves, 25 de maio, a partir das 12.00 horas, o xornalista impartirá o seminario ‘O mundo en 2023: Anatomía dunha policrise’ na Facultade de Ciencias da Comunicación, onde profundará en como acontecementos como a pandemia da COVID-19 ou a guerra en Ucraína xeran consecuencias económicas globais, efectos xeopolíticos planetarios ou inéditas dimensións militares.

Este Seminario ambiciona explicar e clarificar a actual ecuación xeopolítica mundial nas súas diversas arestas e exporá unha grella de lectura documentada dos acontecementos en curso. O foro abordará, tal e como explican dende a organización que corre a cargo do grupo de Estudos Audiovisuais, as sacudidas que ocasiona, na esfera económica, a fin da globalización, sen que o capitalismo teña unha proposta de substitución; así como o envite que trae consigo a delicuescencia e descomposición do sistema internacional, empezando pola Organización de Nacións Unidas (ONU). Cambio climático, masivas migracións humanas, ou os impactos imprevistos das rápidas innovacións tecnolóxicas no campo da comunicación de masas, das redes sociais, da intelixencia artificial, do cálculo cuántico e da vixilancia xeralizada, completan a listaxe de temas obxecto de análise.

Currículo

Ignacio Ramonet é doutor en Ciencias Sociais por l'École des Hautes Études en Sciences Sociais, París (Francia), director de Le Monde diplomatique en español, profesor de Teoría da Comunicación na Universidade de París VII e doutor honoris causa por cinco universidades internacionais. Especialista en Xeopolítica e Estratexia Internacional, a figura poliédrica de Ramonet abrangue tamén o rol de consultor da ONU, fundador do Foro Social Mundial e creador do seu lema ‘Outro Mundo é Posible’, fundador da ONG Media Watch Global ou fundador e presidente de honra de Attac.

Ten recibido innumerables premios, distincións e recoñecementos, entre eles varios de Xornalismo (o Rodolfo Walsh, de Arxentina; o Antonio Asensio, de España; o Feliz Elmuza, de Cuba); a Medalla de Ouro do Senado francés; e o recoñecemento (Proclamation) do Senado e da Cámara de Representantes dos Estados Unidos "polas súas extraordinarias achegas como escritor, catedrático, xornalista e crítico". Ditou conferencias e foi director de seminarios en distinguidas universidades de todo o mundo. É autor dunha trintena de libros, todos traducidos a diversas linguas, entre eles: Como nos venden a moto (con Noam Chomsky); Un Mundo sen rumbo; A tiranía da comunicación; Propagandas silenciosas; Guerras do Século XXI; A crise do século; A explosión do xornalismo; O Imperio da vixilancia; A era do conspiracionismo. E de dous best-sellers mundiais, Fidel Castro, biografía a dúas voces e mais Hugo Chávez: A miña primeira vida.

The contents of this page were updated on 05.22.2023.