Skip to main content

Unha campaña pon o foco na autoexploración como peza clave para fomentar a detección precoz do cancro oral

O material que se entregará explica como debe realizarse a autoexploración. FOTO: Santi Alvite
O material que se entregará explica como debe realizarse a autoexploración. FOTO: Santi Alvite
Estudantado do grao en Odontoloxía difundirá material informativo o xoves 25, na Praza do Obradoiro, sobre como os propios pacientes poden desenvolver un rol activo no proceso de diagnóstico, “algo tan estendido noutro tipo de cancro como é o de mama e tan esquecido no noso terreo”, explica a coordinadora do proxecto ApSMO Aprendizaxe e Servizo no Ámbito da Medicina Oral, Pilar Gándara
Santiago de Compostela

Alumnado de terceiro e quinto do grao en Odontoloxía participa este xoves 25 nunha campaña informativa sobre o cancro oral que se desenvolverá na Praza do Obradoiro entre as 10.00 e as 13.00 horas. Dende este punto informativo, froito do acordo de colaboración coa Asociación Española Contra o Cancro, preténdese concienciar a poboación da existencia de cancro oral e de como os propios pacientes poden participar no diagnóstico cun sinxelo acto de autoexploración, “algo tan estendido noutro tipo de cancro como é o de mama e tan esquecido no noso terreo”, explica a coordinadora do proxecto ApSMO Aprendizaxe e Servizo no Ámbito da Medicina Oral, Pilar Gándara. 

A campaña informativa nace ao abeiro da sétima convocatoria de proxectos de innovación docente de Aprendizaxe e Servizo da USC (ApS). Esta é unha metodoloxía educativa que integra os procesos de aprendizaxe coa realización de tarefas de servizo á comunidade. Nun marco de reciprocidade, o alumnado traballa sobre as necesidades reais da contorna o que lle permite mellorar o coñecemento nunha disciplina e ampliar a súa responsabilidade social. Baixo esta premisa, o alumnado de Medicina Oral elaborou dous tipos de dípticos para difundir entre a cidadanía: uns sobre este tipo de cancro e outros sobre alteracións potencialmente malignas. 

“Neste proxecto participan alumnos/as de terceiro e quinto de Odontoloxía. Nunha primeira parte, en Medicina Oral, os alumnos/as traballan os contidos da materia no referente a alteracións potencialmente malignas e plásmano en dípticos informativos. Nunha segunda fase, só con estudantado voluntario, decídese cal vai ser o díptico que se usará na campaña e fanse as modificacións pertinentes”, relata a profesora Gándara.

Autoexploración

O cancro oral é un tumor maligno que pode afectar a calquera parte da cavidade oral, atopándose asociado o diagnóstico precoz a unha maior supervivencia, por iso é importante recoñecer a forma que ten de presentarse.  “Se un paciente presenta unha úlcera na boca que tarda en curar máis de dúas semanas ou unha mancha branca ou vermella debería acudir á súa odontóloga/o de confianza para ser revisado”, explica Pilar Gándara. 

O cancro oral está relacionado co consumo de tabaco e alcol, a exposición prolongada ao sol (o que aparece no beizo) ou o virus do papiloma humano, entre outros. O material que se entregará explica como debe realizarse a autoexploración e remite mediante un QR a un vídeo de exploración. Tamén inclúe datos de contacto para que os pacientes poidan acudir á Unidade de Medicina Oral da USC se queren facer revisión. Ademais, o alumnado creou un perfil na rede social Instagram para chegar a unha maior franxa de público. O equipo de profesorado implicado no proxecto está composto por Andrés Blanco Carrión, Mario Pérez-Sayáns García, José Manuel Somoza Martín, María Dolores Reboiras López, Mercedes Gallas Torreira e Alba Pérez González. 

Congreso SEMO

A campaña informativa faise coincidir no tempo co inicio da edición dezasete do Encontro da Sociedade Española de Medicina Oral (SEMO) e a edición dezaoito do Encontro da Academia Iberoamericana de Patoloxía e Medicina Bucal (AIPMB) que se celebrará do 25 ao 27 de maio, en Santiago de Compostela. O foro servirá de marco para profundar en diferentes temas de Patoloxía Oral e poder debater e contrastar opinións. O acto inaugural terá lugar o 26 de maio ás 13.30 horas no Salón de Actos da Facultade de Medicina e Odontoloxía e está previsto que conte coa participación do reitor da USC, Antonio López; do decano da Facultade, Julián Álvarez Escudero; do presidente do comité organizador, Andrés Blanco Carrión; do presidente da Academia Iberoamerciana de Patoloxía e Medicina Bucal, Fabio Ramoa Pires; da presidenta da Sociedade Española de Medicina Oral, Rocío Cerela Lapiedra; do conselleiro de Sanidade da Xunta de Galicia, Julio García Comesaña; e do alcalde de Santiago, Xosé A. Sánchez Bugallo.  
 

The contents of this page were updated on 05.23.2023.