Skip to main content

O pleno emprego ‘atrae’ o talento científico de quen se gradúa na EPS de Enxeñaría do Campus Terra

Alumnado da EPS de Enxeñaría visitan unha obra de enxeñaría civil
Alumnado da EPS de Enxeñaría visitan unha obra civil
A directora do centro universitario lugués, Rosa Romero, salienta a “total inserción laboral” das novas promocións de titulados en enxeñarías Agrícola, Civil e Forestal, e recoñece que esta elevada demanda de profesionais condiciona as estatísticas de matrícula dos mestrados e o número de titulados que inicia a súa carreira investigadora en programas de doutoramento
Lugo

A situación de pleno emprego que se está a rexistrar na actualidade no ámbito das enxeñarías atrae boa parte do talento investigador que agroma nas novas promocións de titulados egresados da Escola Politécnica Superior de Enxeñaría (EPSE) do Campus Terra da USC, “mozas e mozos que, en moitos casos, xa reciben e incluso formalizan a súa incorporación ao mercado laboral antes de completar a súa formación de grao”, sinala a directora do centro universitario lugués.

“A inserción laboral de graduados/as nas enxeñarías Agrícola, Forestal e Civil é do cen por cento”, asegura Rosa Romero, ao tempo que indica que esta situación de tránsito inminente ao mercado de traballo tamén vai afectar á primeira promoción do grao en Robótica, cuxos primeiros 20 titulados rematarán a súa formación no mes de xuño trala presentación do Traballo de Fin de Grao.  “Algúns destes estudantes xa están desenvolvendo actividades profesionais en distintas empresas galegas, así como noutras do País Vasco ou Barcelona”, comentou Romero, para logo precisar que as áreas de automatización das empresas constitúen un atractivo nicho de emprego para os titulados en Robótica, aos que,  “o crecente desenvolvemento da Intelixencia Artificial (IA) abre un mundo de oportunidades laborais”, engadiu.

As perspectivas laborais para a mocidade que completa os graos e Enxeñaría Agrícola e Agroalimetaria, Enxeñaría Forestal e do Medio Natural, Enxeñaría Civil, así como as titulacións en Paisaxe e Robótica na sede universitaria luguesa é óptima, xa que o mercado de traballo absorbe a practica totalidade dos titulados egresados. No ámbito das enxeñarías agrícolas, o número de ofertas de traballo é tres veces maior que o número de enxeñeiros titulados, abunda a directora da EPSE.

A mellora e optimización de cultivos e a necesaria adaptación dos sistemas de produción aos novos escenarios derivados do cambio climático, constitúen tamén un importante xacemento de emprego nas áreas de enxeñaría agrícola e agroalimentaria, do mesmo xeito que ocorre coa industria agroalimentaria, cuxas empresas constitúen algúns dos principais empregadores dos profesionais egresados da Escola Politécnica Superior de Enxeñaría do Campus Terra da USC, comenta Romero, que tamén apuntou o incremento da contratación de obra pública como un escenario favorable para as novas promocións de titulados en Enxeñaría Civil.

A directora do centro universitario lugués considera asemade que a actual conxuntura de pleno emprego que afecta á práctica totalidade das enxeñarías responde tamén a cuestións intrínsicas da súa formación, dado que se trata de profesionais versátiles con capacidades e competencias para desenvolver o seu labor profesional en asesorías, gabinetes e oficinas técnicas, así como en empresas, administracións e mesmo como autónomos.

Outro dos factores que favorece a boa inserción laboral dos titulados egresados da EPS de Enxeñaría do Campus de Lugo está ligada, na opinión de Romero, á intensa relación que mantén o centro universitario lugués coa tecido empresarial e mesmo cos distintos colexios profesionais. Neste senso, indicou que “na escola recibimos cada ano ducias de ofertas de traballo para cada unha dos graos que se imparten no centro. Ademais, desde o centro tamén mantemos activo un programa de prácticas e estadías en empresas e parte do alumnado que se acolle a esta primeira experiencia laboral prolonga ou converte a súa estadía en prácticas nun contrato de traballo”.

Mercado laboral e investigación

O rápido acceso ao mercado laboral do que gozan a maioría dos enxeñeiros e enxeñeiras egresados da EPSE repercute de xeito negativo no número de titulados que optan por ampliar a súa formación a través dos mestrados en Agrónomos e Montes e, consecuentemente tamén mingua a estatísticas de titulados superiores que orientan o seu futuro cara a carreira investigadora a través dos distintos programa de doutoramentos impartidos ou coordinados por profesorado da Escola Politécnica Superior de Enxeñaría da USC.

A fuga do potencial talento investigador entre o alumnado de grao cara o mercado laboral ralentiza o proceso de formación de doutores e tamén o número de candidaturas. Ainda así, alén das últimas convocatorias de bolsas de investigación creadas e financiadas polo Campus Terra da USC, a EPS de Enxeñaría compensa esta situación coa captación de alumnado internacional para os seus mestrados e, sobre todo, nalgúns dos seus programas de doutoramento. De feito, cómpre sinalar que na actualidade, están a completar estudos de posgrao no centro universitario lugués un elevado número de titulados universitarios suramericanos, así como outros investigadores oriundos de China, Arxelia, Irán, Siria ou Líbano, ente outros países do mundo árabe.

The contents of this page were updated on 05.25.2023.