Skip to main content

O ministro principal de Gales, Carwyn Jones, visita instalacións científicas da USC

Na visita coñeceron os programas de traballo nos que están implicados os investigadores da USC. Foto: RQ
Na visita coñeceron os programas de traballo nos que están implicados os investigadores da USC. Foto: RQ
Acompañado do reitor, coñeceu os laboratorios do Centro de Investigación en Medicina Molecular e Enfermidades Crónicas da USC

O ministro principal de Gales, Carwyn Jones, e o reitor Antonio López visitaron este venres as instalacións do Centro de Investigación en Medicina Molecular e Enfermidades Crónicas da USC (CiMUS). Na visita tamén estiveron presentes o subdirector de Comercio e Inversións Internacionais do goberno de Gales, Andrew Gwatkin; así como o director xeral de Relacións Exteriores e coa Unión Europea, Jesús Gamallo; a directora da Axencia Galega de Innovación, Patricia Argerey; e o vicerreitor de Investigación e Innovación, Vicente Pérez Muñuzuri.

O obxectivo da visita foi coñecer as instalacións e laboratorios do CiMUS e particularmente do traballo que se realiza no marco da plataforma Innopharma e da Fundación Kaertor, da que son promotores a profesora Mabel Loza e o profesor Ángel Carracedo, tamén presentes na xuntanza.

Innopharma
A plataforma de cribado de fármacos e farmacoxenética da USC (Innopharma) é froito da experiencia de máis de quince anos de programas continuados, nos que se realizou a proba de centos de miles de compostos, de decenas de dianas e a posta a punto, automatización e implantación de centos de ensaios en cascadas completas de descubrimento de fármacos.

Esta plataforma de cribado inicialmente constituída por parte do grupo de investigación BioFarma da USC, coordinado pola profesora Mabel Loza, ampliou o seu traballo á xenómica coa incorporación do grupo de Medicina Xenómica, coordinado polo profesor Ángel Carracedo, no proxecto Innopharma (2012-2015) con financiación do Fondo Rexional Europeo a través do MINECO.

Actualmente esta plataforma consta dunha infraestrutura de alto rendemento para o cribado de fármacos e dunha colección de 60.000 moléculas para o desenvolvemento de proxectos neste ámbito. As súas capacidades propiciaron que se teñan firmado acordos con 25 centros de investigación, con 42 empresas, ademais doutros cinco acordos con compañías farmacéuticas sobre novos modelos de colaboración.

Kærtor
A Fundación Kærtor, cuxos directores científicos son os profesores Ángel Carracedo e Mabel Loza, é un modelo sen precedentes no contexto da innovación aberta e do co-desenvolvemento público-privado no descubrimento de fármacos, creado para xestionar o know-how e os resultados logrados no proxecto Innopharma e facilitar a transferencia recíproca de coñecementos no descubrimento de fármacos.

No centro o reitor e o ministro Carwyn Jones. Foto: RQ

The contents of this page were updated on 07.27.2018.