A vicerreitora de Coordinación do campus de Lugo recibe á subdelegada do Goberno Isabel Rodríguez
A vicerreitora de Coordinación do campus de Lugo, Montserrat Valcárcel Armesto, recibiu este xoves á subdelegada do Goberno en Lugo, Isabel Rodríguez, no marco dunha reunión institucional na que tamén participaron a vicerreitora de Organización Académica da USC, Celia Besteiro Rodríguez, a adxunta á Vicerreitoría de Coordinación para Investigación, Transferencia e Innovación, Elvira López Mosquera.
A xuntanza, que se prolongou durante pouco menos dunha hora e que se encadra do marco de visitas institucionais que está a realizar a nova subdelegada do Goberno en Lugo, serviu de primeira toma de contacto entre as responsables das dúas institucións, que tamén aproveitaron este encontro para intercambiar impresións, así como para abordar cuestións que afectan tanto á USC como á propia Subdelegación de Goberno.
A seguridade cidadá na cidade de Lugo e, nomeadamente, nos espazos da contorna do campus universitario, foi un dos temas tratados durante esta xuntanza, que serviu para facer visible o clima de máxima cordialidade e bo entendemento existente entre as súas institucións.