Rematan os Campus Científicos de Verán da USC
Os Campus Científicos de Verán da USC, organizados pola FECYT e os Ministerios de Educación e Formación Profesional e de Ciencia, Innovación e Universidades, rematan este venres 27 con grande éxito de satisfacción. En total, foron 120 rapaces e rapazas chegados de toda España os que participaron nos proxectos científicos ‘¿Como eliminar a contaminación da auga?¿Atrévete a investigar e innovar!’, ‘Buscando partículas no maior acelerador da historia: LHC’, ‘A maxia dos hidroxeles intelixentes’ e ‘MathematiCSI: Mathematical Scene Investigation’, dirixidos respectivamente por Gumersindo Feijoo Costa, Xabier Cid Vidal, Francisco Javier Otero Espinar e Mª. Victoria Otero Espinar.
A última quenda, formada por 30 estudantes de 4º de ESO, lerán este venres 27 os seus traballos de investigación a partir das 10.00 horas no Salón de Graos da Facultade de Matemáticas. Neste curso que remata, o estudantado visitou o Patrimonio Histórico da USC e o Museo de Historia Natural, fixeron unha excursión a Fisterra e asistiron a conferencias impartidas por relevantes científicos da Universidade como Ángel Carracedo ou Jorge Mira.