A Universidade de Valencia suma ao seu Observatorio de Excelencia a Cátedra do Pan e do Cereal do Campus Terra da USC

A Cátedra do Pan e do Cereal do Campus Terra da USC, dirixida pola catedrática Ángeles Romero, vén de ser seleccionada para formar parte do Observatorio Excellentia Ex Cathedra da Universidade de Valencia na categoría de ‘Boas prácticas no desenvolvemento de actividades de divulgación e difusión cultural, académica, científica e tecnolóxica’.
Este recoñecemento está enmarcado dentro dos Premios Excellentia Ex Cathedra da Universidade de Valencia que se convocan anualmente por parte do Observatorio Excellentia Ex Cathedra da Universidade de Valencia. Nesta primeira convocatoria participaron 33 cátedras, en representación de 18 universidades, que acreditaron a presentación de 56 boas prácticas, das que foron admitidas o 69% delas.
A directora da Cátedra, Ángeles Romero, destacou a importancia deste recoñecemento. “Este feito é un motivo engadido para seguir traballando con máis ganas e ilusión, se cabe, para darlle visibilidade ao pan e a súa materia prima, os cereais”, indicou.
As cátedras institucionais e de empresa da Universidade de Valencia foron creadas en 1993 para fomentar as colaboracións e estender as actividades de docencia, investigación, innovación e difusión da ciencia, da tecnoloxía e da cultura. En 2017, nace o Observatorio Excellentia Ex Cathedra da Universidade de Valencia coa finalidade de ser un banco de experiencias e de prácticas innovadoras que xeren un espazo de consulta aberta.
O referido observatorio valenciano presenta catro ámbitos de boas prácticas nas que se poden presentar as candidaturas: Boas prácticas no desenvolvemento de actividades académicas; nas actividades de investigación e innovación; nas actividades de divulgación e difusión cultural, académica, científica e tecnolóxica, e na dirección e xestión dos recursos das cátedras para o desenvolvemento das súas actividades.
Os criterios de avaliación das boas prácticas teñen en conta a capacidade de solucionar un problema, os resultados logrados, a innovación, a sustentabilidade e a súa potencialidade para ser replicadas.