Skip to main content

Especialistas en análise non linear e problemas de contorno de todo o mundo reúnense esta semana na USC

Especialistas en análise non linear e problemas de contorno de todo o mundo reúnense esta semana na USC
Especialistas en análise non linear e problemas de contorno de todo o mundo reúnense esta semana na USC
Un congreso internacional dedicado ao catedrático Juan José Nieto

Recoñecidos especialistas en análise non linear e problemas de contorno de 25 países daranse cita dende este martes 4 e ata o día 7 na Facultade de Matemáticas na International Conference in Nonlinear Analysis and Boundary Value Problems 2018 .

Organizado polo Grupo de Ecuacións Diferenciais Non Lineares da USC e coordinado polo catedrático Alberto Cabada Fernández, o congreso dará conta dos últimos avances nun campo fundamental para o estudo da modelización matemática de fenómenos que xorden na natureza dentro de ámbitos como a física, a medicina ou a bioloxía.

O programa científico xirará en torno a catro conferencias plenarias e 12 semiplenarias. O resto dispóñense entre conferencias convidadas nas distintas sesións especiais do congreso e contribucións curtas.

O evento dedícaselle, polo seu 60 aniversario, ao catedrático de Análise Matemática na USC desde 1991 Juan José Nieto Roig, un dos matemáticos máis citados no mundo segundo Web of Knowledge e que aparece na lista de Highly Cited Researchers de Thompson Reuters. As súas contribucións máis influentes ata a data se atopan na área das ecuacións diferenciais.

Nieto Roig Licenciado en Matemáticas na Universidade compostelá en 1980, Juan José Nieto obtivo unha bolsa Fulbright e trasladouse á Universidade de Texas en Arlington, onde traballou co profesor V. Lakshmikantham. Tres anos máis tarde doutorouse en Matemáticas na USC baixo a dirección do catedrático Gerardo Rodríguez López. As súas liñas de investigación céntranse fundamentalmente no cálculo fraccionario, as ecuacións difusas e os modelos epidemiolóxicos.

Ocupou diferentes cargos na Universidade de Santiago de Compostela, entre eles o de decano da Facultade de Matemáticas e director do Instituto de Matemáticas. Actualmente é editor de numerosas revistas Fixed Point Theory ou International Journal of Biomathematics, destacando os postos de Division Editor do Journal of Mathematical Analysis and Application e de editor asociado de Fractional Calculus and Applied Analysis e do Journal of the Franklin Institute.

The contents of this page were updated on 09.03.2018.