Skip to main content

A EPS de Enxeñaría crea un sistema de prevención de incendios en tempo real con tecnoloxía multiespectral e láser 3D

Imaxes de infraestruturas eléctricas e vexetación, accesibles a través de SisFor
Imaxes de infraestruturas eléctricas e vexetación, accesibles a través de SisFor
Investigadores do grupo AMGEO do Campus Terra desenvolveron o novo dispositivo xunto coa empresa Indesnor co proxecto SisFor, financiado con preto de 250.000 euros a través do Centro para o Desenvolvemento Tecnolóxico Industrial do Ministerio de Ciencia
Lugo

O grupo de investigación Algoritmos e Modelización Xeoespacial (AMGEO) da Escola Politécnica Superior de Enxeñaría do Campus Terra desenvolve xunto coa empresa Indesnor un sistema forestal automatizado de prevención de incendios en tempo real con tecnoloxía multiespectral e láser 3D desde UAS ao abeiro do proxecto SisFor, unha actuación  financiada con preto de 250.000 euros a través do Centro para o Desenvolvemento Tecnolóxico Industrial na que participaron os investigadores do Departamento de Enxeñaría Agroforestal da USC Xesús Pablo González, Jaime Rodríguez, María Teresa Martín e Javier J. Cancela, xunto coa empresa Indesnor.

O sistema tecnolóxico automatizado creado ao abeiro do proxecto SisFor permite o control e a detección de áreas ou elementos vexetais de risco in situ, tal e como pode ser a vexetación que incumpre as normativas de infraestruturas eléctricas, mediante o procesado de imaxes multiespectrais e nubes de puntos láser do tecido eléctrico en tempo real. A disposición desta información supón unha vantaxe e facilita en gran medida o labor dos operarios responsables de vixiar pola conservación e o bo funcionamento das instalacións, segundo indica o profesor Xesús Pablo González.

O proxecto desenvolvido conxuntamente entre os investigadores do Campus Terra da USC e a empresa Indesnor integra diversos dispositivos ou elementos técnicos diferenciados, tal e como son unha plataforma de vo non tripulada que está dotada de sensores capaces d capturar imaxes 3D da traza da infraestrutura eléctrica xunto coa cuberta vexetal.
Outro dos obxectivos específicos acadados polos responsables deste proxecto de I+D responde ao desenvolvemento e á implementacion de algoritmos baseados en intelixencia artificial (IA) que posibilitan a caracterización da superficie vexetal, así como a construción de modelos híbridos 3D e a detección de áreas dentro da franxa de risco.

Alén dos elementos xa citados, o mecanismo automatizado de prevención de lumes forestais creado no marco do proxecto SisFor inclúe un sistema de comunicación en tempo real entre o operario e a nave non tripulada (UAS), unha prestación que permite á persoa actuar in situ en base ao proceso da información captada e remitida polo UAS. Asemade, unha plataforma central de datos masivos 3D que permite xestionar e visualizar a información completa as prestacións do novo equipamento tecnolóxico desenvolvido polos investigadores da EPS de Enxeñaría xunto con Indesnor.

Un auditor do Centro para o Desenvolvemento Tecnolóxico Industrial (CDTI) desprazouse esta semana ata a sede universitaria luguesa para validar in situ as prestacións deste sistema forestal automatizado de prevención de lumes, un mecanismo tecnolóxico que, entre outras vantaxes, ofrece facilidades para o seu transporte e mobilidade, así como a posibilidade de visualizar ou recibir información a través de dispositivos lixeiros.

The contents of this page were updated on 06.01.2023.