Skip to main content

O labor pedagóxico de Casto Blanco Cabeza recibe a homenaxe de Ciencias da Educación

De esquerda a dereita, membros da familia Blanco, a decana Mar Lorenzo e o profesor Anxo Serafín Porto. FOTO: Santi Alvite
De esquerda a dereita, membros da familia Blanco, a decana Mar Lorenzo e o profesor Anxo Serafín Porto. FOTO: Santi Alvite
A decana Mar Lorenzo recolleu o retrato que José Soriano Fort fixo deste mestre de mestres e que a familia Blanco doa para que permaneza exposto neste centro da USC
Santiago de Compostela

O retrato de Casto Blanco Cabeza realizado por José Soriano Fort estará exposto na Facultade de Ciencias da Educación logo do acto simbólico de entrega que se desenvolveu este xoves 1 na Sala de Xuntas do centro. Casto Blanco Cabeza destacou en dúas facetas: como compilador dunha parte importante da obra do escritor salmantino José María Gabriel y Galán, co cal mantivo correspondencia epistolar só interrompida pola prematura morte deste, e como impulsor do museo pedagóxico da Escola Normal de Mestres de Santiago de Compostela, que servirá de semente e modelo para futuras experiencias desta índole. A decana do centro, Mar Lorenzo, recibiu a obra froito da doazón da familia Blanco.  

Pioneiro

En 1890, Blanco Cabeza obtén praza por oposición en Tui, onde permanece dez anos e desenvolve un notable labor pedagóxico, xa que organizou un museo escolar e un xardín botánico, impulsando novidosas experiencias de contacto coa natureza e a contorna, como a sericultura ou crianza de vermes de seda na propia escola. A iniciativa do museo escolar terá logo continuidade no seguinte destino de Casto Blanco, o cal o converte nun dos pioneiros deste tipo de iniciativas en Galicia, tal e como apuntan nun estudo sobre a súa figura Anxo Serafín Porto Ucha da USC e Raquel Vázquez Ramil da Universidade de Valladolid. 

En 1900, obtén por oposición praza na sección de Ciencias da Escola Normal de Santiago de Compostela, onde se encargou de diversas materias nos graos elemental e superior: Agricultura e Ciencias Físicas e Naturais, Ampliación de Matemáticas, Aritmética e Álxebra, Xeometría, Prácticas de Ensino e Caligrafía. Tamén desempeñou cargos, como o de bibliotecario en 1901, e o de director do centro entre 1903 e 1905, cando é substituído por outro intelectual e pedagogo, Vicente Fráiz Andón, con quen colaborará na organización de excursións escolares e actividades sociais. 
 
Na súa etapa como director, aínda que breve, Casto Blanco impulsou na propia Escola Normal un museo pedagóxico, no que reuniu máis de 400 exemplares, entre libros e outros materiais de interese didáctico. O museo pedagóxico que Casto Blanco montou na Normal compostelá contaba con textos cedidos por editoriais estatais e estranxeiras e con recursos e aparatos de primeira ensinanza, destinados á aprendizaxe do alumnado do centro e futuros mestres, que podían así manexar elementos que logo serían de grande utilidade na súa práctica docente. Era unha iniciativa con vontade de continuidade, que autores como Castro Fustes e Peña Saavedra consideran precursora do museísmo pedagóxico en Galicia e antecedente do MUPEGA.

Ademais desta destacable faceta, Casto Blanco deseñou instrumental pedagóxico innovador para as súas materias,  como unha regra logarítmica mural de dous metros de lonxitude para o gabinete de Matemáticas ou un método para a aprendizaxe rápida da lectura. 

Non descoidou outros aspectos esenciais na formación dos futuros mestres, como as saídas escolares a poboacións próximas, as excursións, a recolección dun herbario de especies autóctonas e dunha boa variedade de cunchas mariñas. Cabe destacar tamén a súa participación na vida social da cidade de Santiago, pois foi presidente da Sociedade de Socorros Mutuos La Benéfica en 1909 e participou en diversos actos das Irmandades da Fala en 1916, con Salvador Cabeza de León e Miguel Gil Casares. 

En febreiro de 1918 acada o posto de profesor numerario de Matemáticas na Escola Normal de Mestres de Madrid; a partir de entón a súa vida persoal e profesional se desenvolve na capital de España. En 1921 reorganízase o Consello de Instrución Pública, e Casto Blanco é designado membro da sección primeira (competente no ensino primario) xunto con destacados persoeiros como Rufino Blanco, Manuel B. Cossío, Eloy Bullón, José Rogerio Sánchez ou Asunción Rincón Lazcano.

En 1935 é nomeado profesor de Metodoloxía da Xeometría e a Trigonometría na Escola Normal número 1 de Madrid. Durante a guerra solicita a xubilación voluntaria, que se lle concede, pero en 1939 incorpórase ao posto de director da Escola Normal na que prestaba servizos anteriormente. En 1949 foi galardoado coa Encomenda de Alfonso X o Sabio e recoñecido co nomeamento de director honorario da Escola Normal de Mestres de Madrid, cidade na que faleceu o 7 de setembro de 1955.
 

Asistentes ao acto. FOTO: Santi Alvite
Asistentes ao acto. FOTO: Santi Alvite
The contents of this page were updated on 06.01.2023.