Estudan novos enfoques sobre os procesos de nacionalización na España contemporánea

Especialistas de numerosas universidades e centros de investigación participan este xoves 6 e venres 7 en Santiago no encontro A nación omnipresente: novos enfoques sobre os procesos de nacionalización na España contemporánea, que se inaugura ás 9.50 horas no Paraninfo da Universidade.
O estudo dos procesos de nacionalización na España contemporánea rexistrou notables avances nas últimas décadas ao superar a visión inicial centrada no Estado, revalorizar o protagonismo da sociedade civil, incorporar o enfoque comparativo ou a análise a partir do ámbito local. Estas novas perspectivas obrigaron a unha colaboración entre grupos de investigación de diferentes universidades, especialmente Salamanca, País Vasco, Santiago de Compostela e Autónoma de Barcelona, que novamente se encontran –como cada tres anos dende 2009 en Salamanca- para presentar as liñas máis novas neste campo.
O congreso artellarase en torno a cinco sesión temáticas (A nación dos individuos: enfoques persoais da nacionalización; Clases populares, vida cotiá e culturas políticas; Violencia e represión; A nación nas aulas; Servizo militar e exército) e pecharase cunha final en formato de debate na que participarán Justo Beramendi, Fernando Molina e Pere Gabriel.
O grupo HISTAGRA da USC é un dos organizadores desta cita científica, xunto ao Grupo HISPONA e ao Museo do Pobo Galego, entidade esta última onde se desenvolverá a xornada do venres.