O certame ‘Móvete polos ODS’ sensibilizará o alumnado arredor dos Obxectivos de Desenvolvemento Sostible
A Rede Galega de Cooperación Universitaria ao Desenvolvemento (RGCUD), conformada por USC, UDC e UVigo, convoca a terceira edición do concurso de vídeos ‘Móvete polos ODS’, para dar a coñecer os Obxectivos de Desenvolvemento Sostible (ODS) de Nacións Unidas. “Con este concurso preténdese sensibilizar a comunidade universitaria, e a sociedade en xeral, sobre a importancia de que todas as persoas formemos parte da solución aos grandes retos mundiais sobre a desigualdade, o cambio climático, ou a perda da biodiversidade, entre outros”, explican dende o Servizo de Participación Universitaria da USC (SEPIU).
O certame está aberto a vídeos dun minuto de duración en formato mp4, coa temática de como se pode contribuír individualmente á consecución dalgunha das 169 metas nas que se materializan estes 17 obxectivos. O concurso conta co financiamento da Xunta de Galicia, sendo o seu principal obxectivo fortalecer a posición das tres universidades públicas de Galicia como axentes de cooperación. Poderá presentarse ao certame de maneira individual ou en grupo, todo o alumnado matriculado nas universidades no curso 2022-23.
Outorgarase un primeiro premio de 550 euros, un segundo de 350 e un terceiro de 200 aos traballos que teñan máis likes en YouTube, así como un premio á innovación de 400 euros. O prazo para inscribirse remata o 30 de setembro.