Skip to main content

Robótica e XuvenCiencia presentan novos proxectos tecnolóxicos e kits de experimentación na Maker Faire Galicia

Obradoiros e postos de exhibición, na Maker Faire Galicia
Obradoiros e postos de exhibición, na Maker Faire Galicia
Alumnado do grao en Robótica na EPS de Enxeñaría e investigadores do grupo Xuvenciencia no Campus Terra da USC amosan no maior evento de innovación tecnolóxica de Galicia media ducia de prototipos tecnolóxicos e kits de experimentación científica a empresas, estudantes e emprendedores
Lugo

Alumando do grao en Robótica e investigadores do grupo de innovación docente XuvenCiencia do Campus Terra da USC presentaron proxectos de innovación tecnolóxica e kits de experimentación científica na última edición da Maker Faire Galicia, un evento de innovación e emprendemento de referencia en Galicia e en España que citou desde o pasado 1 de xuño na compostelá Cidade da Cultura empresas, estudantes e milleiros de visitantes atraídos pola innovación tecnolóxica.

A delegación luguesa coa que participou a USC na última edición da Maker Faire Galicia permitiu ao público visitante coñecer de primeira man algúns dos prototipos que están a desenvolver o alumnado do grao en Robótica na Escola Politécnica Superior de Enxeñaría (EPSE) do Campus Terra da USC. Deste xeito, a última edición da Maker Faire Galicia converteuse durante catro días no escaparate no que seis estudantes da USC deron a coñecer as novas propostas tecnolóxicas que están a desenvolver no marco dos seus respectivos Traballo de Fin de Grao (TFG).

Acompañados dos profesores de Robótica Enrique Comesaña e Roberto Iglesias, así como do subdirector de Calidade da EPS de Enxeñaría da USC, Carlos Núñez, os estudantes Sarah Fernández, Jesús Blanco, Elías Blanco, Carmen Lardín, Julia Rodeiro, Sergio Rodríguez e Miguel Burés, deron conta diante de industrias e do público en xeral das distintas prestacións que ofrecen diferentes innovacións tecnolóxicas que van desde unha cabeza robotizada que interactúa e detecta emocións, un can de seguimento, un dron con sensores que posibilitan ao operador o seu control por movemento, un proxecto de aprendizaxe federado a través do que distintos ordenadores comparten coñecemento a partir de modelos, ou robots humanoides que con habilidades para procesos de rehabilitación ou coa aplicación Chat GPT incluída.

Kits de XuvenCiencia

Os kits de experimentación científica desenvolvidos polo grupo de innovación docente XuvenCiencia da USC tamén foron protagonistas nesta nova edición da Maker Faire Galicia, un evento no que os profesores Mercedes Novo, Wajih Al Soufi, Ana Losada e Jorge Dafonte, así como diversos estudantes de mestrado e doutoramento na USC explicaron aos asistentes e, nomeadamente, ao público máis miúdo, as utilidades científicas dos seus kits educativos e de experimentación (Animal CSI, RescueMe, AquaLab, DNAMeat, Fotometrix, VitroPlant e Photonix Explorer).

A presentación destes dispositivos, que abren múltiples posibilidades de investigación nas aulas,  estivo acompañada da organización de charlas divulgativas e obradoiros prácticos sobre a luz e as tecnoloxías que empregan luz, así como noutras sesións nas que as persoas participantes puideron comprobar as prestacións que ofrecen os kits de XuvenCiencia para diferenciar carne de vacuno ou porcino a partir dunha PCR, visualizar ADN en mostras de sangue, coñecer a humidade e composición dos solos, observar células en fluxos sanguíneos..., segundo explicou a profesora Mercedes Novo, que tamén é a coordinadora do grupo XuvenCiencia da USC.

The contents of this page were updated on 06.05.2023.