Skip to main content

Unha tecnoloxía de minaría de procesos desenvolvida no CiTIUS obtén o galardón ‘Fernando Calvet Prats’ da RAGC

Equipo do CiTIUS premiado co ‘Fernando Calvet Prats’. FOTO: CiTIUS
Equipo do CiTIUS premiado co ‘Fernando Calvet Prats’. FOTO: CiTIUS
Os Premios á Transferencia de Tecnoloxía en Galicia 2023, outorgados pola Real Academia Galega de Ciencias, recoñeceron tamén unha spin-off biotecnolóxica xurdida no IDIS, no que participa a USC
Santiago de Compostela

O grupo de investigación en Sistemas Intelixentes, coordinado polo profesor da USC Alberto Bugarín, acaba de ser recoñecido pola Real Academia Galega de Ciencias (RAGC) co galardón ‘Fernando Calvet Prats’ a un caso de éxito de transferencia de tecnoloxía. Este grupo, pertencente ao Centro Singular de Investigación en Tecnoloxías Intelixentes da USC (CiTIUS), recibe o premio polo desenvolvemento dunha tecnoloxía en minaría de procesos e xeración de linguaxe natural referente a nivel mundial, proceso que culminou coa creación da spin-off InVerbis Analytics. 

Na categoría ‘Ricardo Bescansa Martínez’ a un caso de éxito de implantación de tecnoloxía transferida, a RAGC premiou a empresa Diversa Technologies, spin-off biotecnolóxica xurdida da Unidade de Nano-Oncoloxía e Terapéutica Traslacional do Instituto de Investigación Sanitaria de Santiago de Compostela (IDIS), no que tamén participa a USC, e do Servizo Galego de Saúde. Os Premios á Transferencia de Tecnoloxía en Galicia 2023 recoñecen traballos de investigación aplicada, casos de éxito en transferencia de coñecemento e casos de éxito empresarial de implantación de tecnoloxía. Nesta novena edición recibíronse un total de 31 propostas para todas as categorías do certame.

InVerbis Analytics

InVerbis é unha plataforma de minaría de procesos que permite identificar, medir e monitorizar o potencial de mellora dos procedementos e operacións en calquera tipo de organización. É un proxecto español baseado en Galicia, froito da investigación realizada no CiTIUS da USC, e que contou co apoio económico do programa Ignicia da Axencia Galega de Innovación da Xunta de Galicia, posto en marcha en colaboración coa Fundación Barrié. “A minería de procesos é unha disciplina da Intelixencia Artificial que investiga en algoritmos e modelos de datos que permiten descubrir e representar o desempeño real dos procesos nas organizacións, co fin de mellorar a súa eficiencia, posto que todos os procesos informatizados deixan unha pegada dixital nos sistemas de información das empresas”, explica o seu persoal impulsor. 

Desde InVerbis atoparon até o momento importantes zonas de mellora en diferentes procesos. Por exemplo, nunha empresa de control de tráfico aéreo analizaron os procesos de xestión de incidencias TIC; nun proceso de tratamento cardiolóxico constatouse que, tras a compra de equipamento para probas e a realización de pequenos cambios organizativos, o tempo que transcorría entre o ingreso do paciente e a aplicación do tratamento reduciuse un 23% nun ano, e o número de probas TAC realizadas aos mesmos incrementouse nun 39%; a análise dun subproceso de fabricación industrial de vehículos evidenciou a existencia de repeticións de actividade; nunha empresa de telecomunicacións logrouse reducir o tempo de xestión de incidencias dos clientes; entre outros logros.

Diversa Technologies

A spin-off biotecnolóxica xurdida no IDIS, participado pola USC, baséase na transferencia da nanotecnoloxía baseada en lípidos non tóxicos e biodegradables para mellorar a distribución e liberación de moléculas terapéuticas e, por tanto, óptima para o desenvolvemento de novos fármacos. A finalidade desta tecnoloxía é mellorar a vida dos pacientes pero tamén se pode adaptar a moitas outras aplicacións como a nutracéutica e a cosmética.

A investigadora María de la Fuente, unha das fundadoras da empresa, explica que “coa nosa tecnoloxía patentada, emulsións lipídicas de tamaño nanométrico, podemos asociar de maneira eficiente novas moléculas e transportalas ao seu lugar de acción na súa forma terapeuticamente activa, para que poidan ser efectivas e así xerar novas oportunidades para o desenvolvemento de novos tratamentos”.

Xurado e acto de entrega 

O xurado estivo composto pola secretaria da RAGC, Pilar Bermejo, que actuou como presidenta; e, como  vogais, Alicia Estévez, vicepresidenta da RAGC; Fernando Pérez, responsable de publicacións e relacións sociais da RAGC, que tamén exerceu como secretario do xurado; María José Mariño e Elena Polo, de Gain; Judit Nogueiras do Igape; e Alfredo Ramos da Confederación de Empresarios de Galicia (CEG). Os traballos distinguidos, entre os que tamén se atopa un fármaco innovador contra o cancro de colon metastático desenvolvido por científicos do Instituto de Investigación Biomédica da Coruña (INIBIC), recibirán un premio de 6.000 euros cada un, nun acto que se celebrará o 21 de xuño, ás 19.00 horas no Pazo de San Roque de Santiago de Compostela.
 

Abi Vázquez e María de la Fuente. FOTO: RAGC
Abi Vázquez e María de la Fuente. FOTO: RAGC
The contents of this page were updated on 10.02.2023.