Skip to main content

Máis de cen autores internacionais abordan nunha obra o vínculo entre a saúde humana e os océanos

O traballo examina os moitos servizos ecosistémicos que ofrecen os océanos, así como a contaminación global e o dano creado polos humanos. FOTO: Santi Alvite
O traballo examina os moitos servizos ecosistémicos que ofrecen os océanos, así como a contaminación global e o dano creado polos humanos. FOTO: Santi Alvite
O volume publicado co gallo do Día Mundial dos Océanos conta coa participación dos investigadores da USC Sebastián Villasante, Pablo Pita e Gillian Ainsworth
Santiago de Compostela

Co gallo do Día Mundial dos Océanos que se conmemora cada 8 de xuño, publícase o libro Oceans and Human Health. Opportunities and Impacts no que máis dun cento de investigadores e investigadoras internacionais profundan no vínculo entre os océanos e a saúde humana. Sebastián Villasante, Pablo Pita e Gillian Ainsworth da USC e pertencentes ao Centro Interdisciplinario de Investigación en Tecnoloxías Ambientais (CRETUS), integran a autoría desta obra. En concreto, son os responsables do capítulo 2 que se centra no papel das áreas mariñas protexidas na provisión de servizos ecosistémicos para mellorar a saúde humana e dos océanos.

Este traballo ve a luz nun intre no que a biodiversidade e a saúde humana conforman temas relevantes na axenda mundial. Nesta liña, a UNESCO proclamou o decenio 2021-2030 como a década dos océanos e, o ano pasado, o cumio sobre biodiversidade da Organización de Nacións Unidas acordou protexer o 30% das terras e océanos para 2030. Nese contexto, os capítulos brindan evidencia científica vital para outorgar soporte ás actividades e á toma de decisións neste eido.

O traballo examina os moitos servizos ecosistémicos que ofrecen os océanos, así como a contaminación global e o dano creado polos humanos, e explora os riscos e beneficios asociados para a saúde humana. Presenta perspectivas internacionais e interdisciplinarias sobre os recursos dispoñibles para abordar estes beneficios e riscos, incluída unha mellor investigación, política e participación comunitaria.

“Durante miles de anos, as costas, os mares e o océano apoiaron a nosa saúde e benestar; agora é o momento de retribuír e coidar verdadeiramente a saúde do océano. Foi un privilexio traballar cun equipo tan estimado, comprometido e interdisciplinario de expertos/as de todo o mundo neste libro. Todos nos preocupamos profundamente polo futuro da administración dos océanos e, a través dunha mellor comprensión dos problemas, as poboacións mundiais poden unirse para nutrir e promover a nosa relación cos océanos e mellorar a calidade de vida”, explica a editora do volume Lora Fleming do European Centre for Environment and Human Health en Cornwall, Reino Unido. A obra salienta como a colaboración entre persoas, comunidades e poboación global pode promover un cambio necesario no vínculo do ser humano cos océanos. 
 

Cuberta do libro
Cuberta do libro
The contents of this page were updated on 06.08.2023.