Skip to main content

A violinista Elina Viksne abre a programación musical da USC para este curso

A violinista Elina Viksne abre a programación musical da USC para este curso
A violinista Elina Viksne abre a programación musical da USC para este curso
O concerto, que pon o broche ao ciclo ‘Oculta Polifonía’, será o luns 10 ás 20.30 horas no Paraninfo

A recoñecida violinista letona Elina Viksne, membro da Real Filharmonía de Galicia, será a encargada de inaugurar a programación musical da Universidade de Santiago para o presente curso académico. Farao o luns 10 cun concerto, ás 20.30 horas no Paraninfo, que servirá ademais de broche final ao ciclo ‘Oculta Polifonía’ que a Área universitaria de Cultura desenvolve dende hai uns meses con grande éxito de crítica e público.

O ciclo está dedicado ás sonatas e partitas para violín e ás suites para violonchelo de Johann Sebastian Bach, e en concreto Elina Viksne interpretará no seu recital a Sonata n.º 2 en La menor, BWV 1003 e a Partita n.º 2 en Re menor, BWV 1004.

Elina Viksne Nacida en Riga (Letonia), Elina Viksne comeza os estudos de violín á idade de 5 anos no seu país de orixe. Realizou recitais desde os 10 anos en Letonia, Lituania, Francia, Suíza, Portugal e España, colaborando con pianistas como Lili Sarkistayan, Ángel González e Ileana Cortizo.

No seu haber conta con numerosos premios, entre os que destacan o Grand Prix no Balys Dvarionas II Internacional Competition of Young Pianists an Violinists en Vilnius (Lituania) e diploma pola mellor interpretación da música Barroca e os primeiros premios no Concurso Nacional de Letonia e no Internacional ‘Villa de Sahagún’ (España).

Como docente desenvolveu unha importante actividade en centros como o Autorizado de Música Santa Cecilia (Madrid), o Profesional de Música Antonio Machado (Salamanca) e o Conservatorio Profesional da Estrada (Pontevedra).

É a fundadora da Asociación Compostela Sound, desempeñando o cargo de presidenta, e desde 2017 é vicepresidenta da Asociación Peregrinos Musicais. Como integrante de varios grupos de música de cámara, desenvolve unha gran actividade en festivais internacionais e concertos de música de cámara.

The contents of this page were updated on 09.06.2018.