O ‘Roteiro de Outono’ da Comisión de Normalización Lingüística da EPS de Enxeñaría ofrece o 29 de setembro unha viaxe a Allariz
O ‘Roteiro de Outono’ organizado pola Comisión de Normalización Lingüística da Escola Politécnica Superior de Enxeñaría do campus de Lugo ofrece a posibilidade de participar de balde nunha excursión a Allariz o vindeiro 29 de setembro.
A viaxe promovida ao abeiro do ‘Roteiro de Outono’ buscar achegar unha ollada positiva sobre o futuro do rural galego e das pequenas vilas, afectadas en gran medida polo avellentamento, o despoboamento e o abandono do sector primario. Allariz ben pode ser considerada unha excepción da realidade que afecta á Galicia, xa que se trata dun lugar que apostou por poñer en valor os seus recursos propios e por revitalizar as súas actividades tradicionais vinculadas ao traballo agrogandeiro, unha aposta que lle permitiu converterse nun referente en turismo e recuperación arquitectónica.
As persoas interesadas en participar nesta excursión a Allariz poden formalizar a súa inscrición de balde a través do enderezo electrónico mariadomar.perez [at] usc.es (mariadomar[dot]perez[at]usc[dot]es). As prazas son limitadas.
A expedición partirá en bus o 29 de setembro ás 8.00 horas desde a Facultade de Formación do Profesorado de Lugo. O programa da estadía en Allariz inclúe visitas á granxa de produción de leite ecolóxico Ecoleia, ao Centro de Asinoterapia e de produción de xabóns con leite de burra e unha recepción institucional no Concello. O programa de tarde inclúe unha visita guiada ao Festival Internacional de Xardíns e outra ao conxunto histórico e ao Museo do Coiro (antiga fábrica de curtidos da familia Nogueiras).