USC e Aresa asinan o convenio para a convocatoria da edición 2018 do Premio Aresa de Desenvolvemento Rural
O reitor da Universidade de Santiago de Compostela, Antonio López Díaz, e o presidente do grupo Aresa, Álvaro Rodríguez Eiras, asinaron este martes en Compostela o convenio de colaboración que pon en marcha a edición do ano 2018 do Premio Aresa de Desenvolvemento Rural, cuxas candidaturas poderán presentarse ata o 26 de outubro de 2018 nos rexistros da USC. No acto, celebrado no Salón Reitoral do Colexio de San Xerome en Santiago de Compostela, tamén estivo presente a vicerreitora de Coordinación do campus de Lugo, Montserrat Valcárcel Armesto, e a directiva de Aresa, Carlos López.
A sinatura deste convenio é o punto de partida dunha nova convocatoria deste recoñecido galardón co que Aresa e a USC premian cada ano diferentes iniciativas e proxectos presentados por empresas, grupos de investigación, asociacións ou calquera outro tipo de entidade que contribúa á mellora do benestar das persoas que viven e traballan no medio rural.
Tras a sinatura protocolaria, López e Rodríguez explicaron que na avaliación das candidaturas o xurado prestará especial atención aos proxectos que xeren valor engadido e emprego no rural galego, á súa viabilidade económica, á creación de postos de traballo, á posta en valor dos produtos da terra de tradición galega, á recuperación de subsectores agrícolas e gandeiros tradicionais e á innovación en produtos que teñan potencial de desenvolvemento.
O reitor Antonio López agradeceu “19 anos de compromiso e colaboración continuada” do grupo Aresa a prol da posta en valor e dinamización da actividade agrogandeiro en Galicia. Igualmente, Antonio López subliñou o carácter aberto da convocatoria aberta tanto a traballos de I+D, como a proxectos de actividade empresarial xa constituídos e a aqueles caracterizados polo seu carácter innovador. Neste apartado, Álvaro Rodríguez Eiras lembrou que o certame mantén as mesmas bases coas naceu o premio que, nesta edición, tratará de renovar a cerimonia de entrega.
Edicións anteriores
Na traxectoria do Premio Aresa de Desenvolvemento Rural, un galardón creado no ano 2000 e que acadou un recoñecido prestixio no sector, figuran premiados como o profesor da USC Javier Guitián (en 2001), a Aula de Produtos Lácteos (2002), a Facultade de Veterinaria (2008) e a Escola Politécnica Superior da Universidade de Santiago de Compostela (2017). Fóra do ámbito universitario, outros gañadores foron a IXP TerneraGallega (2004), o programa de TVG ‘O Agro-labranza’ (2005), a D.O. Ribeira Sacra (2006), a Asociación de Criadores de Rubia Galega - Acruga (2010), a Sociedade Agraria de Transformación ‘Montes de Trabada’ (2011) ou a Asociación de Criadores de Ovino e Caprino de Galicia (Ovica) (2016).
Recibiron tamén este galardón o director xeral de Agricultura da Comisión Europea, o lucense Xosé Manuel Rodríguez Silva (2003); os impulsores da queixería Casa Macán (2007); e empresas como a industria cárnica Nova Novafrigsa (2000), Ingapán (2009), Champivil (2012), Alibós Galicia, que foi a gañadora da edición de 2013, e a Denominación de Orixe Protexida San Simón da Costa, que recibiu este galardón na súa edición de 2014. O grupo empresarial galego Agroamb, que atopa a súa sede empresarial no concello lugués de Castro de Rei, resultou merecedor do premio na edición de 2015.
De esquerda a dereita, Carlota López, Álvaro Rodríguez, Antonio López e Monserrat Valcárcel. Foto: Santi Alvite O prazo de presentación de candidaturas permanece aberto ata o 26 de outubro. Foto: Santi Alvite