Skip to main content

Jorge Mira reivindica novos espazos para a ciencia ao recoller o premio da Confederación de Sociedades Científicas de España

Jorge Mira recolleu o premio de mans de Perla Wahnon Benarroch, presidenta de COSCE. FOTO: @COSCEorg
Jorge Mira recolleu o premio de mans de Perla Wahnon Benarroch, presidenta de COSCE. FOTO: @COSCEorg
O catedrático de Electromagnetismo da USC convértese no primeiro físico en ser distinguido con este galardón e une o seu nome ao de Francisco José Ayala, Juan Luís Arsuaga ou Ignacio López Goñi, premiados en edicións anteriores
Santiago de Compostela

“A difusión da ciencia ten que pelexar por conseguir presenza en espazos que van más alá do habitual”. Lograr que os contidos científicos alcancen, por exemplo, a clase política ou impacten en audiencias masivas foi unha das ideas centrais do discurso que o catedrático de Electromagnetismo da USC, Jorge Mira, pronunciou este martes 13 ao recoller o premio da Confederación de Sociedades Científicas de España (COSCE) á difusión da ciencia, nun acto celebrado na sede da entidade en Madrid. Jorge Mira convértese, deste xeito, no primeiro físico en ser distinguido con este galardón. 

Baixo o título, ‘Campos a arar e outras guerras a librar’, o profesor Mira reflexionou sobre a importancia das plataformas nas que se coloca a mensaxe e, neste senso, aproveitou para dar as grazas aos medios de comunicación que ao longo da súa dilatada traxectoria lle concederon espazo. Ademais, o tamén investigador do Instituto de Materiais da USC (iMATUS) profundou en como ten cambiado o panorama da difusión da ciencia en poucos anos, ao emerxer “novas derivas”, posiblemente procedentes “dos novos paradigmas de comunicación creados polas redes sociais”. 

Ditame 

"O seu currículo investigador é excelente, compaxinando as súas actividades docentes e de investigación cunha extensa e continua actividade de divulgación científica moi completa. Destacamos, ademais, a súa importante contribución en temas relacionados coa física, a súa especialidade como investigador, e destacamos o programa ConCiencia, realizado con participación directa de Premios Nobel", explica o xurado no seu ditame á hora de xustificar a concesión do premio. Recoñecidas figuras como o profesor Francisco José Ayala, o paleoantropólogo Juan Luís Arsuaga e o microbiólogo Ignacio López Goñi recibiron o premio COSCE en anteriores edicións.

A candidatura de Jorge Mira Pérez foi apoiada por dúas sociedades científicas de COSCE: a Asociación Española para a Intelixencia Artificial (AEPIA) e a Real Sociedade Española de Física (RSEF). Do profesor Mira, que sucede na listaxe de premiados a Lluís Montoliu, o xurado destacou o seu labor como director do programa ConCiencia da USC e o Consorcio de Santiago no que teñen participado máis de corenta premios Nobel ou o seu equivalente en Matemática e Ciencias da Computación.

A COSCE, entidade que concentra 87 sociedades científicas, outorga este galardón en colaboración coa Fundación Ramón Areces. O xurado, composto pola presidenta da Confederación, Perla Wahnón Benarroch; o paleoantropólogo, Juan Luis Arsuaga Ferreras (gañador deste premio na súa edición 2012); e a asesora en Innovación e Sustentabilidade, experta en tendencias enerxéticas, María Luisa Castaño Marín, subliñou a capacidade de Jorge Mira para chegar a amplas audiencias divulgando diferentes disciplinas científicas.

Currículo

Ademais de dirixir o programa ConCiencia durante os seus dezasete anos de historia, o profesor Mira (Baio, A Coruña) abarcou na súa traxectoria investigadora áreas de coñecemento que van dende a ciencia de materiais e a física matemática ata o estudo de sistemas sociais. Algúns dos seus traballos foron realizados en colaboración con John B Goodenough, Premio Nobel de Química 2019. Pola devandita traxectoria foi recoñecido con diferentes galardóns, sendo o máis recente a Medalla de investigación de Galicia en 2022. En 2018 foi nomeado membro da comisión de expertos do Goberno de España para a reforma da hora oficial. O premiado realiza ademais unha destacada difusión da ciencia dende finais dos anos 90 nunha ampla variedade de formatos: prensa (varios centenares de artigos e columnas), radio (máis de 1.000 emisións das súas seccións de divulgación), televisión (da orde de 2.500 seccións ou programas completos) e organización de grandes accións de comunicación da ciencia.

Pola súa divulgación científica ten recibido numerosos premios entre os que destacan o Premio da Real Sociedade Española de Física – Fundación BBVA (2012); Prisma especial do xurado - XXX Prismas Casa das Ciencias (2017); Premio da Real Academia Galega de Ciencias e Xunta de Galicia de divulgación científica (2020).
 

The contents of this page were updated on 06.13.2023.