Skip to main content

Estudantes e titulados universitarios coñecen as oportunidades laborais da Axenda Tributaria nun foro na Facultade de ADE

Participantes no foro sobre oportunidades de emprego na AEAT, celebrado na Facultade de ADE
Participantes no foro sobre oportunidades de emprego na AEAT, celebrado na Facultade de ADE

Máis dun centenar de estudantes e titulados universitarios coñeceron de primeira man as oportunidades de emprego que ofrece a Axencia Tributaria no marco dunha xornada de orientación e inserción laboral celebrada este mércores no Salón de Graos da Facultade de Administración e Dirección de Empresas do campus de Lugo.

Este foro de emprego, promovido a iniciativa da delegación luguesa da Axencia Tributaria, permitiu aos membros da comunidade universitaria interesados neste temática acadar información detallada respecto das posibilidades de emprego e das vías de inserción laboral que ofrece a AEAT.

A decana da Facultade de Administración e Dirección de Empresas da USC, Begoña Barreiro, presidiu a sesión inaugural da xornada, que rexistrou un éxito total de afluencia. A quenda de relatorios comezou cunha intervención de Carlos Eduardo Villa Pillado, enxeñeiro agrónomo do Estado e xefe de área de Inspección de Rústica, quen afondou na súa intervención nos nichos de emprego que advirte no seu ámbito de traballo.

De seguido, Fernando Soler Pareja, interventor territorial de Lugo, e a delegada da AEAT en Lugo, María Elena Rosendo Vázquez, tamén achegaron ao público presente abundante información respecto das oportunidades laborais e das saídas profesionais que permite a Axencia Estatal de Administración Tributaria.

Relatores e público presente na xornada

The contents of this page were updated on 03.13.2019.