A Orquestra da Universidade de Santiago busca novos intérpretes

A Orquestra da Universidade de Santiago de Compostela mantén aberta a convocatoria deste curso, á que se pode presentar calquera persoa que saiba tocar un instrumento orquestral, con preferencia os da comunidade universitaria. En concreto, este ano búscanse intérpretes de violín, viola, contrabaixo, frauta, óboe, fagote, clarinete, trompas, trombóns, trombón baixo, tuba, percusión, piano e arpa.
A admisión quedará supeditada á superación da audición prevista para o 25 de setembro ás 21:15 horas na Igrexa da Universidade. De non poder asistir, existe a modalidade non presencial enviando un vídeo.
Os instrumentistas seleccionados poderán participar no grupo residente que ensaiará todos os martes lectivos (agás período de exames) de 21:30 a 23:30 horas na Igrexa da Universidade.
Orquestra da Universidade A Orquestra da Universidade de Santiago de Compostela, no seus inicios Orquestra do Espazo de Cámara, naceu co obxectivo de impulsar nos mozos e mozas universitarios e, por extensión na cidadanía de Compostela, un proxecto educativo e cultural onde o eixo fundamental é a música. O grupo que conforma a Orquestra procura de maneira prioritaria a formación musical dos seus membros que, semana tras semana, adquiren un maior compromiso co estudo e a difusión dos valores da música.
Dende o 2010 a Orquestra da Universidade participou en proxectos como o aniversario de Debussy co concerto de Arpa e Orquestra do mesmo autor, interpretado pola solista Reyes Gómez especialmente convidada para este evento; o Concerto de Violonchelo de Haydn en Re maior, interpretado por Carlos G. Amigo; ou nos monográficos sobre Astor Piazzolla e sobre a música galega onde o solista Gregori Nedobora interpretou o concerto do violinista galego Manuel Quiroga. Na tempada 2014-15 interpretou xunto ao coro Vigués Gli Apassionati o Magnificat de J.S. Bach e o Gloria de Vivaldi.
En colaboración coa Aula de Teatro da Universidade de Santiago de Compostela realizaron unha versión do musical Sweeney Todd de Stephen Sondheim. Participou tamén nas Xornadas de Música Contemporánea de Santiago de Compostela dende o seu inicio.
Incorporándose ao proxecto diversos profesores da Orquestra da Cidade, Real Filharmonía de Galicia, así como intérpretes relevantes do ámbito musical galego, a Orquestra da USC foi incluída na rede de Orquestras Universitarias Europeas, ENUO, onde participan máis de 28 nacionalidades.