Skip to main content

Xornada de benvida ao novo alumnado universitario

Estudantes e representantes académicos e políticos, na xornada de benvida a estudantes do campus de Lugo
Estudantes e representantes académicos e políticos, na xornada de benvida a estudantes do campus de Lugo
Centos de estudantes coñeceron os distintos servizos, ademais da oferta deportiva e de lecer do campus de Lugo cun dinámico programa de acollida celebrado en Veterinaria

Centos de universitarios chegados este curso aos distintos centros universitarios do campus de Lugo participaron este luns na xornada de acollida organizada no auditorio da Facultade de Veterinaria de Lugo, unha sesión durante a que responsables e persoal dos distintos servizos, programas e actividades lúdicas, culturais e de lecer que desenvolve a USC na sede universitaria luguesa presentaron ao novo alumnado a súa oferta nos distintos postos informativos instalados.

Área de Cultura, Área de Orientación Laboral, Biblioteca Intercentros, Centro de Apoio Científico-Tecnolóxico (Cactus), Centro de Linguas Modernas, Oficina de Desenvolvemento Sostible, Oficina de Igualdade de Xénero, Oficina de Relacións Externas, Servizo de Deportes, Servizo de Normalización Lingüística e Servizo de Participación e Integración Universitaria (Sepiu), Oficina de Cultura foron os verdadeiros protagonistas desta xornada, na que tamén houbo tempo para gozar dun diverso programa de actividades culturais, entre as que non faltaron a animación musical, danza (zumba) ou as proxeccións audiovisuais.

A vicerreitora de Coordinación do campus de Lugo, Montserrat Valcárcel, e os adxuntos para Investigación, Transferencia e Innovación, Elvira López Mosquera, e para Estudantes, Internacionalización, Cultura e Servizos, Jesús Varela Zapata, participaron no acto institucional da xornada, no que tamén interviñeron a alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, e o deputado provincial Álvaro Santos e o secretario Xeral de Universidades da Xunta de Galicia, José Alberto Díez de Castro.

A xornada 'Benvidos ao Campus Terra' enmárcase dentro do plan de acción do proxecto 'Campus Terra', financiado pola Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, e que aspira a fomentar a especialización da sede universitaria luguesa arredor do concepto Terra, entendido este dende unha perspectiva interdisciplinar, isto é, económica, medioambiental, social e cultural.

Este concorrido encontro universitario que coincidiu coa primeira xornada de clases do presente curso académico permitiu ao alumnado acadar unha imaxe en conxunto dun “campus universitario de calidade e capacidade de sobra para atraer cada ano máis alumnado”, segundo sinalou o secretario Xeral de Universidades. A vicerreitora de Coordinación, Montserrat Valcárcel, animou tamén aos novos universitarios a demandar información e crear un feedback permanente cos responsables académicos a fin que a súa estadía no campus resulte máis satisfactoria posible.

Alumnado de primeiro curso matriculado no campus lugués Xornada de benvida celebrada no auditorio de Veterinaria Exhibición de bailes latinos

The contents of this page were updated on 09.10.2018.