A USC apoia a creación dun grupo operativo para fomentar a innovación e a valorización do cultivo de lúpulo en España
A USC apoia a creación do primeiro grupo operativo orientado a fomentar a innovación e a valorización do cultivo de lúpulo en España, un consorcio liderado pola cooperativa galega Lutega e a SAT Lúpulos de León, no que participan como socios membros dos grupos de investigación da USC Proxectos e Planificación e Algoritmos e Modelización Xeoespacial, coordinados polo profesor do Departamento de Enxeñaría Agroforestal na Escola Politécnica Superior de Enxeñaría de lugo, Javie J. Cancela Barrio, ademais da Universidade de León, e os centros de investigación Itacyl, de Castela e León; Ciam/agacal, de Galicia, e Neiker Tecnalia, do Goberno Vasco. Tamén participa como socio a empresa Hopsteiner España S.A., que é a maior transformadora e comercializadora de lúpulo en España, ao tempo que colaboran con este grupo operativo a asociación Mariñas-Betanzos (GDR As Mariñas), a asociación Poeda, e a Asociación de Cervexeiros de España.
Este consorcio orientado a fomentar as innovacións e valorización do cultivo do lúpulo en España comezará a súa actividade nas zonas de maior produción do país, tales como o son Castela e León, Galicia e País Vasco. A constitución deste grupo operativo prodúcese logo de que a Dirección Xeral de Desenvolvemento Rural e Política Forestal do Ministerio de Agricultura concedera a este equipo de profesionais fondos subvencionados para tal efecto. Esta achega encádrase nas medidas promovidas pola Asociación Europea para a Innovación en materia de produtividade e sustentabilidade agrícolas (AEI-Agri) no marco do Programa Nacional de Desenvolvemento Rural 2014-2020, para que no ano 2018 se elabore un proxecto de innovación a executar a partir de 2019 e que será obxecto de presentación pública o martes 18 Universidade de León.
O proxecto fomenta innovacións no cultivo de lúpulo en España, incluíndo o estudo de melloras ambientais en procesos, tecnoloxías e aforro de recursos enerxéticos, así como a xestión sustentable dos recursos hídricos e manexo eficiente dos nutrientes requiridos polo cultivo para mellorar a rendibilidade das explotacións agrícolas.
Outra das singularidades do grupo operativo ‘Spanish Quality Hops’, un equipo de traballo e I+d+i presentado este venres nas instalación do CIAM no marco dun acto no que, entre outros, participou a vicerreitora de Coordinación do campus de Lugo, Montserrat Valcárcel Armesto, é que se trata dun consorcio que agroma a todo o sector do lúpulo a nivel nacional. De feito, xunto coas organizacións de cultivadores de lúpulo que suman o 99% da produción nacional, tamén figuran as institucións científicas e de innovación que máis traballaron co lúpulo, ademais da empresa que canaliza a súa comercialización e a asociación de Cervexeiros, cuxos socios son os principais compradores do lúpulo nacional.
Experiencia e xustificación
Todos os socios e colaboradores do grupo operativo do lúpulo español que vén de ser creado acreditan experiencia en diversas actividades no marco do cultivo do lúpulo. Asemade, a heteroxeneidade da composición deste consorcio garante o intercambio de coñecemento e información entre agricultores, centros de asesoramento, empresas e sector de investigación, unha das premisas que recolle o regulamento Feader.
Unha das xustificacións da creación deste grupo responde á necesidade de optimizar as prácticas de manexo e incrementar a produción e a calidade do lúpulo ‘Nugget’, a principal variedade que se cultiva en España, ademais de avanzar no uso racional e eficiente dos recursos dispoñibles para acadar explotacións sustentables.