Skip to main content

O Summer Camp fomenta a captación de talento e as oportunidades laborais de máis dun cento de estudantes

O evento desenvolveuse en Ciencias da Comunicación. FOTO: Santi Alvite
O evento desenvolveuse en Ciencias da Comunicación. FOTO: Santi Alvite
A Facultade de Ciencias da Comunicación acolle este foro organizado por AECOC e no que responsables de recursos humanos expoñen retos reais das súas organizacións para que as persoas participantes formulen solucións
Santiago de Compostela

Máis de 100 estudantes de último curso de grao universitario e recentemente titulados/as participaron no Summer Camp da Asociación de Empresas do Gran Consumo AECOC, que este ano se desenvolve na Facultade de Ciencias da Comunicación da USC. O encontro, que chega á súa sexta edición, pon en contacto os universitarios/as cos responsables de recursos humanos de empresas líderes do gran consumo e consolídase como o principal encontro de empregabilidade xuvenil do sector. Na inauguración do Summer Camp, participaron a vicerreitora de Estudantes e Cultura, Pilar Murias; o director xeral de AECOC, José María Bonmatí; e o presidente da entidade, Ignacio González.

Ademais de contactar cos estudantes, ao longo da xornada, os responsables de recursos humanos das empresas expoñen retos reais das súas organizacións para que as persoas participantes formulen as súas solucións. O Summer Camp AECOC do gran consumo 2023 chegou este xoves 20  a Santiago de Compostela da man da USC, Xunta de Galicia e de AECOC. Este punto de encontro pretende estreitar as relacións Universidade-empresa e acelerar as oportunidades laborais da mocidade, facilitando a captación de talento por parte das compañías participantes.

Esta sexta edición acolle un cento de persoas menores de 30 anos de toda España que cursan último ano do seu grao ou mestrado ou son tituladas recentes a piques de incorporarse ao mercado laboral. A través de  xornadas de networking con empresas en busca de talento universitario, este evento ofrece a posibilidade de achegar o estudantado a persoal de recursos humanos de empresas para que lles brinden asesoramento sobre as competencias profesionais que o sector necesita dun xeito práctico.
 

The contents of this page were updated on 06.20.2023.