Skip to main content

Un estudo constata os beneficios das lentes intelixentes na asistencia a un parto fóra do hospital

Simulación da asistencia a un parto utilizando as lentes intelixentes
Simulación da asistencia a un parto utilizando as lentes intelixentes
A investigación é froito da tese de doutoramento que Silvia Aranda desenvolve baixo a dirección de Antonio Rodríguez, do grupo Clinursid da USC, e de Roberto Barcala do grupo Remoss da UVigo
Santiago de Compostela

Alén das súas aplicacións noutros múltiples eidos, dispositivos tecnolóxicos como as lentes intelixentes poden converterse nunha valiosa ferramenta na asistencia de incidentes ou emerxencias que poidan darse en contornas afastadas dos centros hospitalarios e sanitarios. Esta é unha das conclusións que pode extraerse dun estudo pioneiro que está a desenvolver a doutoranda da USC Silvia Aranda, baixo a dirección de Antonio Rodríguez, do grupo Clinursid da USC; e de Roberto Barcala do grupo Remoss da UVigo.

En concreto, o equipo investigador buscou constatar se un grupo de socorristas poderían asistir un parto inminente, seguindo as indicacións que lles ía trasladando unha matrona a través dunhas smart glasses. Os resultados deste estudo piloto, o primeiro que analiza a utilidade desta tecnoloxía en actuacións extrahospitalarias, recóllense nun artigo publicado recentemente na revista Sensors, que amosa como nunha simulación realizada con 38 socorristas, aqueles que foron guiados a través das lentes puideron realizar correctamente a maioría dos pasos recollidos no protocolo de asistencia a partos extrahospitalarios.

O estudo levouse a cabo cun simulador materno-fetal e dous grupos de socorristas. Un deles actuou seguindo as indicacións que lles ía trasladando a matrona e outro realizou a mesma intervención de xeito autónomo, non logrando ningún dos seus integrantes completar correctamente os diferentes pasos do protocolo OHB. Así se recolle no artigo ‘Dispatcher, can yo help me? A woman is giving birth. A pilot study of remote video assitance with smart glasses’ que explica que se ben existen iniciativas centradas nas posibilidades das lentes intelixentes con persoal médico, non había estudos previos sobre a súa posible utilidade con “primeiros intervenientes que non son persoal sanitario e cos que consideramos que poderían ter realmente un efecto realmente positivo”, apuntan dende o equipo investigador. Ademais de Aranda, Rodríguez e Barcala, tamén son asinantes do artigo Myriam Santos e Felipe Fernández da UVigo, Manuel Pardo e Encarna Hernández, da UCAM de Murcia; Lucía Varela, do Complexo Hospitalario de Pontevedra; e Silva San Román, da Universidade de Granada.

“Experiencias clínicas illadas”

Nese senso, o equipo investigador explica que na contorna “extrahospitalaria” é ata o de agora onde menos se exploraron as posibilidades deste tipo de dispositivos, xa que o seu uso centrouse, en maior medida, en “asistir ou formar no ámbito sanitario”. “Nós evidenciamos por primeira vez o seu uso a nivel extrahospitalario durante un parto inminente”, engaden. Ata a publicación deste estudo, só existía un artigo previo “relacionado coa triaxe” de accidentes con múltiples vítimas. No referido á práctica clínica, afirman, este tipo de dispositivos xa foron empregados por persoal de ambulancias en diferentes países, mais ata o de agora, “non hai evidencia científica”, senón unicamente “experiencias clínicas illadas”.

Nese senso, para este primeiro estudo, “escolleuse un parto por ser algo non habitual”, explican. “Atoparse un é algo excepcional, pero poden ocorrer partos precipitados en calquera momento e en calquera lugar”, afirman, o que incide en que “aínda que os datos non sexan alarmantes, os partos extrahospitalarios accidentais asócianse cunha significativa morbilidade e mortalidade perinatal”. Tendo en conta ademais, o que podería supor unha rápida intervención en contornas de “difícil acceso para os servizos sanitarios”, como unha praia, a investigación levouse a cabo con socorristas, dado o seu perfil de “primeiros intervenientes” en múltiples tipos de emerxencias. Ante unha situación como esta, serían “as persoas que teñen a obriga de intervir, pero a súa capacitación está centrada principalmente en incidentes acuáticos e non están habituados a todo tipo de emerxencias sanitarias”. De aí que “as smart glasses poden ser un instrumento que axude tanto á central de coordinación médica, que pode ver o que está pasando e valoralo, como aos socorristas para dar eses primeiros pasos que poden resolver a situación”.

Maior cumprimento tanto dos aspectos técnicos como dos non técnicos

No estudo participaron 29 homes e nove mulleres que recibiron unha breve sesión de adestramento co dispositivo antes de enfrontarse á simulación dun parto sen complicacións. Divididos en dous grupos, no caso daqueles e aquelas que contaron coas lentes, estas permitían á matrona seguir en directo a súa intervención e trasladarlles unha serie de indicacións, así como enviarlles imaxes de apoio sobre a colocación das mans para a protección do perineo e á extracción do ombro anterior do bebé.

Baixo a súa guía, o 35% das e os integrantes deste grupo logrou desenvolver correctamente a secuencia completa do protocolo, algo que non puido facer ningún dos integrantes do grupo control, que non contou con indicacións. Todas as medidas que recolle este protocolo foron así mesmo executadas dun xeito “significativamente mellor” polo grupo que traballou coas lentes. De feito, máis do 90% dos seus integrantes realizaron correctamente 11 dos 13 pasos recollidos neste protocolo. Neste punto, o equipo investigador pon en valor como a asistencia remota permitiulles desenvolver mellor as habilidades técnicas que esixen este tipo de intervencións, como por exemplo a “protección activa do perineo”, pero tamén as “non técnicas, como tranquilizar, informar e respectar á muller”.

Ademais, outro dos beneficios observados foi que, coa orientación da matrona, os socorristas “colocaban ao bebé sobre o corpo nu da nai” en máis do 90% dos casos, algo que só fixeron o 5% dos integrantes do grupo de control. “Cando o bebé nace, o seu sitio é o corpo da nai”, subliñan, o que incide en que a pesar de que ante certo tipo de incidentes “é común ver nos medios de comunicación fotos do bebé cos profesionais que acompañaron o parto”, colocar o bebé sobre a pel da nai “favorece o control da temperatura” da criatura, algo de “vital importancia, xa que a hipotermia aumenta o risco de morbilidade e mortalidade neonatal”.

Lentes intelixentes empregadas na investigación
Lentes intelixentes empregadas na investigación
The contents of this page were updated on 06.21.2023.