Skip to main content

Seis entidades galegas asinan un acordo para desenvolver tecnoloxía de imaxe PET entre Galicia e Portugal

Presentación de Gallaecia
Presentación de Gallaecia
A rede Gallaecia, impulsada en Galicia polo grupo de Imaxe Molecular do IDIS, no que participa a USC, é un acordo transfronteirizo que pretende mellorar o diagnóstico por imaxe de medicina nuclear
Santiago de Compostela

As técnicas por imaxe médicas son determinantes á hora de diagnosticar enfermidades e calquera anomalía que ocorra no organismo. Por iso, seis entidades galegas e cinco portuguesas asinaron un acordo de cooperación transfronteirizo entre ambas as comunidades, dentro da rede Gallaecia-PET para desenvolver a tomografía por emisión de positróns ou PET, un tipo de imaxe de medicina nuclear. 

O grupo de Imaxe Molecular do IDIS, instituto no que participa a USC, liderado pola doutora Virginia Pubul, xefa de Medicina Nuclear do CHUS, e o doutor Pablo Aguiar, profesor de Radioloxía e Medicina Nuclear da USC, é un dos socios principais desta rede Gallaecia-PET en Galicia. “O IDIS é un socio central nesta rede, pois está previsto que valide boa parte desta tecnoloxía PET, que se vai a desenvolver no Hospital Clínico de Santiago”, en palabras do investigador Aguiar.

Esta rede é un acordo de cooperación entre entidades portuguesas e galegas participantes na proposta de rede de colaboración público privada Gallaecia-PET que espera recibir financiamento de fondos de desenvolvemento Interreg POCTEP. A cooperación entre socios transfronteirizos permite expoñer grandes desafíos tecnolóxicos. “A rede Gallaecia-PET permitirá coordinar e aumentar significativamente as diferentes capacidades existentes en ambas as rexións en tecnoloxía de imaxe médica PET, desde a investigación preclínica e desenvolvemento de radiofármacos ata o seu uso clínico”, sinalan. 

Entre as entidades atópanse empresas e centros de investigación da eurorrexión: o Centro de Investigacións en Medicina Molecular e Enfermidades Crónicas (CIMUS) da Universidade de Santiago de Compostela; a Fundación Instituto de Investigación Sanitaria de Santiago FIDIS; a Universidade de Vigo (UVigo); Galaria Empresa Pública de Servizos Sanitarios SA da Consellería de Sanidade; ATI Sistemas SA, a Universidade de Aveiro (UA), o Instituto de Ciencias Nucleares Aplicadas á Saúde (ICNAS-Pharma), o Instituto Politécnico de Coímbra (IPC), o Laboratorio de Instrumentación e Física Experimental de Partículas (LIP), Qubiotech Health Intelligence SA, e Radiation Imaging Technologies Lda. (RI-CHE).

PET e diagnóstico temperán

O PET permite diagnosticar moitas doenzas e inflamacións do organismo a través de radiación controlada. Este sistema emprega pequenas cantidades de materiais radioactivos ou radiofármacos que se inxectan no paciente; cunha cámara especial e un computador, avalíanse as funcións dos órganos e tecidos. 

Esta técnica de exploración é importante no diagnóstico temperán de enfermidades e a valoración das mesmas. Mediante a identificación de cambios a nivel celular, o PET pode detectar as manifestacións temperás de enfermidades antes que outros exames por imaxes, e mesmo controlar a evolución dunha enfermidade, como pode ser o cancro,  enfermidades vasculares ou doenzas inflamatorias, entre moitas outras.
 

The contents of this page were updated on 06.21.2023.