Skip to main content

O Verán CampUSC consolídase como iniciativa clave na conciliación da vida laboral e familiar con 500 inscricións

A programación do Verán CampUSC 2023 contempla un amplo abano de actividades deportivas e de ocio e tempo libre planificadas atendendo a criterios psicopedagóxicos e de perspectiva de xénero. FOTO: Santi Alvite
A programación do Verán CampUSC 2023 contempla un amplo abano de actividades deportivas e de ocio e tempo libre planificadas atendendo a criterios psicopedagóxicos e de perspectiva de xénero. FOTO: Santi Alvite
Esta iniciativa da Fundación USC favorece o desenvolvemento psíquico-físico da cativada nacida entre 2010 e 2019, alén de promover valores de disciplina, esforzo, perspectiva de xénero, integración, ou hixiene, entre outros
Santiago de Compostela

O programa Verán CampUSC 2023, organizado pola Fundación Universidade de Santiago de Compostela, acaba de abrir as súas portas con 162 participantes, nenos e nenas nacidos/as entre os anos 2010 e 2019. En total, esta edición do campus conta con preto de medio cento de inscricións xa que, do total de participantes, moitos e moitas repiten nas diferentes quendas que integran esta iniciativa que promove a conciliación da vida laboral e familiar tanto da comunidade universitaria da USC como do público xeral.  

O delegado do reitor para o Deporte, Javier Rico; a delegada do reitor para a Igualdade, Marta Pérez Pereiro; e o xerente da Fundación USC, Óscar Hermida, acompañados pola coordinadora do Verán CampUSC, Rocío Bulnes; e o director da actividade, Anxo Tarrío, visitaron o alumnado participante na primeira sesión da primeira quenda, a que se estende entre o 22 e o 30 de xuño. A esta seguiranlle outras catro: do 3 ao 14 de xullo, do 17 ao 21 do mesmo mes, do 24 ao 31 de xullo, mentres que a derradeira das quendas terá lugar do 1 ao 7 de setembro. As prazas ofertadas son 120 por quenda pero o nivel de inscricións está a ser tan elevado que só quedan prazas dispoñibles para a cuarta quenda.

USC e Concello de Santiago de Compostela colaboran no desenvolvemento desta iniciativa na que todas as actividades están especialmente dirixidas ás idades e desenvolvemento psíquico-físico das persoas participantes e todas elas desenvolven tamén, de xeito transversal, valores de disciplina, esforzo, perspectiva de xénero, integración, hixiene e respecto ás normas. O programa ten lugar de luns a venres (agás festivos) de 8.45 a 14.45 horas. Esta iniciativa nútrese dunha importante base de actividades deportivas tradicionais e alternativas, ademais de realizar diferentes obradoiros, actividades e saídas culturais.

Contidos

A programación do Verán CampUSC 2023 contempla un amplo abano de actividades deportivas e de ocio e tempo libre planificadas atendendo a criterios psicopedagóxicos e de perspectiva de xénero. “É importante destacar que todas as sesións do Verán CampUSC teñen como obxectivo ofertar unha ampla variedade deportiva baseada no respecto e na igualdade entre nenos e nenas para que, nun futuro, lles permita practicar deporte de forma autónoma, duradeira e pracenteira”, apuntan dende a organización.

O núcleo máis importante de actividades ten unha importante base deportiva, dende as habituais probas do atletismo ata os deportes de equipo (clásicos, como o baloncesto ou voleibol, ou máis alternativos e emerxentes, como o ultimate, colpbol ou quidditch), pasando polos xogos tradicionais da comarca como a estornela ou a chave.

Outra liña de actividades vai dirixida a que os rapaces e rapazas descubran novas habilidades persoais (como o cooking experience) ou obradoiros artísticos (graffiti) e potencien as súas aptitudes e capacidades. “Haberá tamén actividades orientadas a gozar da natureza, como rutas de sendeirismo, carreiras de orientación ou descubertas no entorno natural do propio campus e arredores, e actividades da coñecida como cultura urbana”, engaden.

Todas estas actividades e dinámicas están adaptadas ás idades dos rapaces e rapazas en función do seu desenvolvemento evolutivo, buscando a socialización e destacando como un espazo lúdico e de aprendizaxe, sempre coa seguridade como premisa básica na súa organización.

 

De esquerda a dereita, Rocío Bulnes, Javier Rico, Marta Pérez Pereiro, Óscar Hermida e Anxo Tarrío. FOTO: Santi Alvite
De esquerda a dereita, Rocío Bulnes, Javier Rico, Marta Pérez Pereiro, Óscar Hermida e Anxo Tarrío. FOTO: Santi Alvite
The contents of this page were updated on 06.23.2023.