Skip to main content

Luis Otero converterase en académico de número da Real Academia de Ciencias Económicas e Financeiras

Luis Otero González é catedrático da USC e pertence ao departamento de Finanzas e Contabilidade. FOTO: Cátedra de Empresa Familiar da USC
Luis Otero González é catedrático da USC e pertence ao departamento de Finanzas e Contabilidade. FOTO: Cátedra de Empresa Familiar da USC
O delegado do reitor para a Transferencia do Coñecemento e catedrático da USC amosouse honrado de “poder formar parte dunha comunidade tan distinguida e destacada”, logo de que a institución fíxese pública esta decisión acordada na súa última sesión plenaria
Santiago de Compostela

O catedrático da USC e delegado do reitor para a Transferencia do Coñecemento, Luis Otero, acaba de ser elixido académico de número da Real Academia de Ciencias Económicas e Financeiras, tal e como se acordou na última sesión plenaria da institución. “É unha gran honra e un privilexio inigualable ser recoñecido polo meu traballo e contribucións no campo das ciencias económicas e financeiras e poder formar parte dunha comunidade tan distinguida e destacada”, explicou o profesor Otero ao coñecer a nova do nomeamento . “Agradezo sinceramente a cada un dos académicos por apoiar a miña candidatura, en particular, a José Antonio Redondo e Jaime Gil Aluja. Este logro non sería posible sen o apoio, guía e mentoría de moitas persoas ao longo da miña carreira. Agradezo aos meus profesores, compañeiros, familiares e amigos que sempre me inspiraron e motivaron”, engadiu.

Luis Otero González é catedrático da USC e pertence ao departamento de Finanzas e Contabilidade. A súa investigación nos últimos dez anos centrouse principalmente na análise de risco e rendibilidade no ámbito financeiro (banca, seguros e fondos de inversión) e hoteleiro. Dende 2014, lidera o grupo de investigación en Valoración Financeira Aplicada (VFA), recoñecido como grupo de referencia competitiva pola Xunta de Galicia. Ademais, dirixiu trece teses de doutoramento e formou parte de varios comités científicos (European Financial Management Association, IFBBE, Global Finance Conference, SIGEF, Portuguese Finance Network, Hipanolusas de Gestión Científica, Forum of Finance e Spanish Finance and Accounting Journal). 

Así mesmo, dirixiu o mestrado en Banca, Finanzas e Seguros durante máis de 20 anos e actualmente é director da Cátedra de Empresa Familiar da USC e do Tech-Forum de Galicia. A súa investigación abrangue máis de 100 artigos, 53 indexados en JCR (20 foron publicados en revistas do primeiro cuartil nos últimos dez anos). Ademais, moitos dos seus resultados foron presentados en congresos estatais e internacionais, e en varios libros. Tamén foi membro ou líder en proxectos de licitación pública europea e estatal que recadaron arredor de dous millóns de euros nos últimos dez anos. Tamén estivo involucrado nunha intensa actividade de transferencia, destacada con más de 50 contratos con empresas ou institucións. O recoñecemento a este traballo tense traducido en once premios de investigación.
 

The contents of this page were updated on 06.26.2023.