Skip to main content

O Campus Terra afonda sobre o valor socioeconómico, natural e cultural dos soutos no VII Simposio da Castaña

Participantes no VII Simposio Internacional da Castaña, na EPS de Enxeñaría
Participantes no VII Simposio Internacional da Castaña, na EPS de Enxeñaría
O encontro da Sociedade Internacional de Ciencias Hortícolas coordinado polo catedrático da USC na EPS de Enxeñaría Santiago Pereira Lorenzo cita ata o xoves na sede universitaria luguesa máis de 100 investigadores internacionais
Lugo

O VII Simposio da Castaña, un foro de análise e debate das últimas liñas de I+D e propostas de innovación arredor desta especie forestal promovido pola Sociedade Internacional de Ciencias Hortícolas (ISHS) cita ata o xoves na Escola Politécnica Superior de Enxeñaría (EPSE) do Campus Terra da USC máis dun centenar de investigadores internacionais, un amplo elenco de participantes que aproveitarán as distintas palestras e visitas programadas para intercambiar resultados de investigación, así como para debater cuestións orientadas a recoñecer e potenciar o valor socioeconómico, natural e cultural dos soutos.

A apertura do VII Congreso Internacional da Castaña, unha sesión presidida polo subdirector da EPS de Enxeñaría Emilio Carral Vilariño, en na que tamén participaron o coordinador do congreso, Santiago Pereira Lorenzo; o director Xeral de Planificación Forestal da Xunta de Galicia, José Luis Chan, e o presidente do Grupo da Castaña da Sociedade Internacional de Ciencias Hortícolas (ISHS) e investigador da  Universidade Trás-os-Montes e Alto Douro José Gomes Laranjo, serviu para trasladar aos congresistas algunhas das singularidades que presentan os cultivares de castaño en Galicia.

Así, logo de salientar a condición de Galicia e nomeadamente as provincias de Lugo e de Ourense, como principais enclaves produtores de castaña de España e incluso de Europa, José Luis Chan, apuntou o control das pragas que afectan ao castiñeiro e os problemas relacionados coa propiedades desta especie arbórea, como dúas das principais problemáticas que debe sortear Galicia para acadar un aproveitamento óptimo.

Chan explicou neste senso que en Galicia a propiedade das árbores (castiñeiros) non sempre corresponde coa do terreo no que se atopan, ao tempo que tamén existen soutos en montes veciñais en man común, dúas singularidades que dificultan a xestión óptima. Aínda así, Chan lembrou na súa intervención as distintas iniciativas xa acometidas pola Xunta de Galicia para solucionar estas eivas, tal e como poden ser as distintas campañas de control de pragas postas en marcha ou mesmo a aínda incipiente creación de agrupacións de produtores. Outras das particularidades que presenta o sector da castaña en Galicia é a o cultivo de distintas variedades, engadiu Chan.

O profesor Santiago Pereria, que ademais de coordinador do simposio, tamén é vicepresidente da división de froitos secos da ISHS, subliñou que a celebración desta reunión científica na sede universitaria luguesa responde ao compromiso contraído entre a USC e a principal rede mundial da área de horticultura, unha organización independente que actúa como plataforma mundialmente recoñecida nos eidos da investigación, o intercambio de información científica e a colaboración a prol da innovación sustentable en horticultura.

A Sociedade Internacional de Ciencias Hortícolas contabiliza entre os seus membros máis de 70.000 individuos, universidades, gobernos, compañías comerciais, ademais dunha ampla representación institucional de medio centenar e países e rexións dos mundo, sinala Pereira Lorenzo, para, de seguido, cifrar en dous millóns de toneladas de castaña a produción das 500.000 hectáreas de bosques de castiñeiros existentes no mundo.

Produción de castaña

A produción de castañas en Asia é case 8 veces máis que en Europa. China, que conta con  máis de 300.000 hectáreas de castiñeiras, é o principal produtor mundial nunha listaxe na que tamén destacan outros países como Corea e Xapón, en Asia, así como Turquía, Italia, Portugal e España, en Europa, e Chile, en América do Sur. A principal diferencia entre a produción asiática e a europea está na cantidade, pero sobre todo no feito de que se trata de dúas especies cultivadas distintas: Castanea mollissima, en China, e C. crenata, en Xapón, mentres que en Europa, onde se estima a existencia duns dous millóns de hectáreas de bosques dominados por castaños, cultívase C. sativa, explica Pereira Lorenzo.

Galicia, salienta o catedrático da USC, é a principal produtora de castaña de España e  a rexión que presenta unha maior diversidade xenética de cultivares de castiñeiro de calidade, con árbores monumentais preservan esa diversidade, e cuxa produción está amparada por la Indicación Xeográfica Protexida Castaña de Galicia, a única IXP de España. Alén da produción de castaña, o profesor Pereira Lorenzo tamén pon en valor a importancia do castiñeiro pola súa madeira de calidade, así como pola súa fonda pegada na paisaxe e mesmo na tradición cultural europea. Esta realidade, no caso de Galicia, tradúcese na celebración de máis de 200 magostos cada outono, precisou Carral Vilariño.

Relatorio inaugural

A presidenta da División de Froitos Secos (DNUT, polas súas siglas en inglés) da ISHS e investigadora da Universidade de California Giulia Marino, abriu a quenda de relatorios desta nova edición dun encontro internacional que recala en Galicia un cuarto de século despois do seu nacemento en Estados Unidos, e tras as anteriores edicións desenvolvidas en Francia (1998) Portugal (2004), China (2008), Estados Unidos (2012) e Turquía (2014).

Alén do amplo abano de conferencias e da presentación de diversas comunicacións para o intercambio de ideas e investigacións sobre a castaña e o castiñeiro, o programa deste simposio permitirá ás persoas inscritas visitar castiñeiros e contornas naturais de especial relevancia, entre elas as árbores xigantes, no Courel e tamén nos viveiros de castiñeiros de que dispón Tragsa en Ourense.

Santiago Pereira, na súa intervención na apertura do congreso
Santiago Pereira, na súa intervención na apertura do congreso
De esquerda a dereita, Santiago Pereria, José Luis Chan, Emilio Carral e José Gomes Laranjo, na EPS de Enxeñaría
De esquerda a dereita, Santiago Pereria, José Luis Chan, Emilio Carral e José Gomes Laranjo, na EPS de Enxeñaría
The contents of this page were updated on 06.26.2023.