Skip to main content

A Cátedra do Camiño premia unha investigación sobre o papel das comunidades locais nos itinerarios xacobeos

A obra reflexiona sobre se a peregrinación é unha alianza ou unha ameaza para as comunidades locais. FOTO: Santi Alvite
A obra reflexiona sobre se a peregrinación é unha alianza ou unha ameaza para as comunidades locais. FOTO: Santi Alvite
Carlos Pazos-Justo, Beatriz Busto Miramontes e Susana Sotelo Docío editan a obra ‘Comunidades locais e caminhos de Santiago. Alianças e ameaças’
Santiago de Compostela

A obra Comunidades locais e caminhos de Santiago. Alianças e ameaças, cuxa edición corre a cargo de Carlos Pazos-Justo, Beatriz Busto Miramontes e Susana Sotelo Docío, acaba de ser recoñecida co premio de investigación que cada ano outorga a Cátedra do Camiño de Santiago e das Peregrinacións, cuxa creación foi froito da colaboración entre a USC e Turismo de Galicia da Xunta de Galicia. O volume recolle dez traballos que, dende diferentes perspectivas, abordan o papel das comunidades locais no desenvolvemento dos itinerarios xacobeos. “A mirada polifónica aquí proposta reflicte os diferentes enfoques que o fenómeno xacobeo suscita na academia”, explican as tres persoas editoras da obra.

Así, entre a múltiple autoría desta obra figuran nomes da USC como é o caso da propia Susana Sotelo, investigadora predoutoral que asina xunto ao investigador da Universidade do Minho, Álvaro Iriarte, un capítulo sobre o coñecemento das prácticas dos e das visitantes a través de ferramentas de minaría textual, uso de topónimos en entrevistas e enquisas. Os profesores Emilio Carral e Marisa del Río analizan, pola súa parte, as relacións que se establecen entre a actividade comercial en Santiago de Compostela e a chegada masiva de visitantes tras a reinvención de 1993. Ademais, a obra finaliza cun epílogo no que o decano da Facultade de Filoloxía, Elias Torres, reivindica o papel da Academia na formulación de preguntas necesarias e respostas válidas para o benestar das comunidades.

A autoría complétana Silvia Pérez, Fátima Braña, Carla Nepomuceno, Roberto Samartim, Carla Queirós, Sérgio Veludo Coelho, Vítor Ambrósio, Carlos Fernandes, Pedro Azevedo, Maria João Moreira, Inês A. Lopes, Raphael Marinho e Carina Jofré. A obra premiada ten como punto de partida o Congreso Internacional Comunidades Locais e Camiño de Santiago. Ameazas e alianzas, organizado pola Rede Galabra na USC en outubro de 2021. Neste sentido, a obra reflexiona sobre se a peregrinación é unha alianza ou unha ameaza para as comunidades locais.

O xurado da sexta edición do premio estivo composto por Miguel Taín Guzmán, catedrático de Historia da Arte da USC e director da Cátedra do Camiño; María José Azevedo Santos, catedrática da Facultade de Letras da Universidade de Coimbra, membro do Comité Internacional de Expertos/as do Camiño de Santiago e co-directora da Cátedra do Camiño; así como Daniel C. Lorenzo Santos, director da Fundación Catedral de Santiago de Compostela e tamén codirector da Cátedra.

The contents of this page were updated on 06.27.2023.