Skip to main content

A EPS de Enxeñaría achega solucións tecnolóxicas para favorecer e mellorar a asistencia de persoas maiores

Participantes nas xornadas sobre xerontecnoloxía e IA, na EPS de Enxeñaría
Participantes nas xornadas sobre xerontecnoloxía e IA, na EPS de Enxeñaría
A profesora do grao en Robótica Sonia Valladares presenta nun foro de Xerontecnoloxía e Intelixencia Artificial un robot capaz de realizar diversas análises e transmitir información procesada ao profesional médico, e deu conta do proxecto dunha nova aplicación con IA axeitada para a estimulación física e cognitiva de persoas con dano cerebral
Lugo

A Escola Politécnica Superior de Enxeñaría do Campus Terra da USC achega solucións tecnolóxicas orientadas a mellorar a asistencia a persoas maiores a través das xornadas de transferencia ‘Xerontecnoloxía e Intelixencia Artificial. Aplicacións prácticas ao contexto do ámbito xerontolóxico rural e urbano’, un  foro no marco do que a investigadora da área de Ciencia da Computación e Intelixencia Artificial e profesora do grao en Robótica, Sonia Valladares Rodríguez deu conta dalgunhas solucións tecnolóxicas creadas desde a USC con múltiples aplicacións para a asistencia xerontolóxica.

Valladares aproveitou o relatorio de apertura deste curso, organizado polo profesor da área de Psicoloxía Evolutiva e da Educación da USC con financiamento da Deputación Provincial de Lugo, para dar conta ante os preto de medio centenar de asistentes, dunha solución tecnolóxica desenvolvida por ela mesma que consiste nunha sorte de robot capaz de realizar diversas probas analíticas, procesar datos e transmitir información detallada ao profesional médico. Esta aplicación, relatou, ofrece múltiples utilidades, dado que favorecer a optimización de tempo e de procesos, ao tempo que permite analizar un amplo abano de parámetros diferentes.

Outra das potenciais achegas tecnolóxicas para o ámbito da asistencia a persoas maiores xerminadas desde o grao en Robótica da USC é unha  aplicación proposta nun TFG que conxuga tamén recursos de Intelixencia Artificial e que pode resultar de utilidade para favorecer a estimulación cognitiva e física para persoas afectadas por dano cerebral, sinalou Sonia Valladares.

As achegas tecnolóxicas trasladadas desde o ámbito universitario para mellorar a atención e os coidados das persoas maiores centraron a temática da primeira sesión dun foro que, segundo precisou o profesor Carlos Dosil, pretende tamén poñer en valor e favorecer o o coñecemento das distintas iniciativas postas en marcha ou en proceso de aplicación por parte do tecido empresarial e tamén das distintas administracións.

De feito, a primeira xoranda deste programa de transferencia tecnolóxica contou tamén coa intervención de distintos responsables da Axencia Galega de Innovación (GAIN) e do Sergas, que deron conta de diversas experiencias autonómicas de solucións tecnolóxicas e atención á dependencia. Neste senso, o médico do Sergas Ismael Said, que é coordina a sección de telemedicina da Sociedade Española de Medicina Interna, abordou na súa intervención neste curso algunhas das innovacións tecnolóxicas e dixitais aplicadas na telemedicina.

Programa

O programa das xornadas ‘Xerontecnoloxía e Intelixencia Artificial, inaugurado este mércores nun acto presidido pola directora da EPS de Enxeñaría da USC, Rosa Romero, e no que tamén participou o xeriatra e profesor da UVigo Miguel Ángel Vázquez, continuará este xoves cun novo bloque de relatorios centrados na Intelixencia Artificial e na robotización. Así, Sergio Grandón, de Ibernet, abrirá, ás 10.00 horas, a quenda de intervencións cunha exposición sobre as tecnoloxías dos coidados e o desenvolvemento e integracións de solucións dixitais e tecnolóxicas para hospitais e residencias. As tecnoloxías de rehabilitación xeriátrica centrarán de seguido a charla ofrecida polo fisioterapeuta Pablo Campo Prieto. O programa desta primeira edición das xornadas de transferencia de aplicacións tecnolóxicas ao ámbito xerontolóxicos rural e urbano chegará ao seu colofón, a partir das 19.00 horas, coa lección maxistral ‘Benestar socio-emocional e novas tecnoloxías’ a cargo do presidente da Sociedade Galega de Xerontoloxía e Xeriatría, José María Faílde Garrido.

Sonia Valladares, Miguel Ángel Vázquez, Rosa Romero e Carlos Dosil, na apertura da xornada
Sonia Valladares, Miguel Ángel Vázquez, Rosa Romero e Carlos Dosil, na apertura da xornada
The contents of this page were updated on 06.28.2023.