Skip to main content

Unha investigación profunda nas ideas preconcibidas que inflúen na aprendizaxe do inglés como lingua estranxeira

Os resultados deste estudo confirman a importancia das crenzas sobre a aprendizaxe dun idioma estranxeiro. Imaxe de arquivo dunha clase de Filoloxía. FOTO: Santi Alvite
Os resultados deste estudo confirman a importancia das crenzas sobre a aprendizaxe dun idioma estranxeiro. Imaxe de arquivo dunha clase de Filoloxía. FOTO: Santi Alvite
Yonay Rodríguez realizou máis de 600 enquisas entre estudantado e profesorado da USC e constatou que o 95% dos estudantes pensa que saber inglés é importante para acadar un bo posto de traballo
Santiago de Compostela

As ideas preconcibidas, mitos, nocións ou opinións sobre un idioma e o seu proceso de aprendizaxe gardan unha estreita relación co contexto académico e social. Baixo esta premisa, Yonay Rodríguez desenvolveu, no marco da súa tese de doutoramento, un estudo no que, a través de enquisas e entrevistas, identificou, caracterizou e comparou  as crenzas dunha mostra significativa de estudantes e profesorado da USC sobre a aprendizaxe do inglés como lingua estranxeira (ILE). 

“Por que mostran o estudantado e o profesorado opinións, comportamentos e actitudes diferentes durante o proceso de aprendizaxe dunha lingua estranxeira? E como se explica que uns estudantes aprendan esta lingua máis rápido que outros se as circunstancias académicas son similares para todos? Entre outros, o concepto de crenzas é un marcador de diferenzas individuais importante que axuda a responder estas preguntas”, explica a investigadora. 

Metodoloxía

Coa vontade de profundar nestas cuestións, Yonay Rodríguez realizou enquisas a 649 suxeitos usuarios do Inglés como Lingua Extranxeira (ILE), dos cales, 614 eran estudantes rexistrados en 23 programas académicos en once facultades da USC; alén de 35 docentes (trece da Facultade de Filoloxía, seis que compartían o ensino en Filoloxía e outras facultades e 16 doutras facultades e escolas diferentes a Filoloxía). Ademais, a investigadora realizou entrevistas a 56 estudantes e 22 docentes.

Os resultados obtidos concordan cos de estudos previos internacionais e estatais e mostran un patrón xeral de crenzas homoxéneo e estable caracterizado por un alto grao de motivación utilitaria sobre a aprendizaxe e uso do ILE na USC. De feito, o 95% dos estudantes e 69% do profesorado avaliado pensa que saber inglés é importante para acadar un bo posto de traballo. Con todo, a análise dos datos tamén revelou diferenzas entre as crenzas ao comparar as áreas académicas, como é o caso dos estudantes do grao de Física, que consideran, máis que o resto dos estudantes, que o inglés é un idioma fácil de aprender. 

Ademais, existen contradicións entre as crenzas do alumnado e as do profesorado sobre aspectos como a corrección de erros, o nivel de autonomía de aprendizaxe dos estudantes, o efecto que teñen as experiencias de inmersión lingüística, e o uso de varias estratexias de aprendizaxe. Así, sobre se a corrección dos erros debe facerse nas etapas iniciais da aprendizaxe para evitar a súa fosilización, o 59% dos alumnos pensa que si, mentres que o 57% dos profesorado está en desacordo. 

Experiencias previas

Ao profundar nas crenzas expresadas polos participantes neste estudo, coñecéronse varios factores contextuais que inciden neste eido. Tal é o caso do proceso de aprendizaxe do ILE nos niveis preuniversitarios, “onde o cúmulo de experiencias negativas do alumnado por mor da calidade deficiente do ensino teñen unha repercusión importante e duradeira nas decisións, actitudes e estratexias sobre o inglés que adoptan máis tarde no ensino superior”, explica a investigadora. 

Os resultados deste estudo confirman a importancia das crenzas sobre a aprendizaxe dun idioma estranxeiro “en tanto non só axudan a entender a maneira en que o alumnado e o profesorado xestionan este proceso senón tamén a identificar os aspectos do contexto educativo que inciden nel, o que posibilita limar asperezas e solucionar dificultades para mellorar a calidade do proceso de ensino-aprendizaxe do ILE”, conclúe. A tese está dirixida polos profesores Mario Cal Varela e Ignacio Palacios do departamento de Filoloxía Inglesa e Alemá da USC. 
 

The contents of this page were updated on 06.30.2023.