Skip to main content

A EPS de Enxeñaría afonda nos usos da AgroRobótica cun ciclo de relatorios e demostracións técnicas o 19 de xullo

Roberto Iglesias, Rosa Romero e Javier Bueno, na presentación do ciclo sobre AgroRobótica
Roberto Iglesias, Rosa Romero e Javier Bueno, na presentación do ciclo sobre AgroRobótica
O programa coordinado polos profesores Javier Bueno e Roberto Iglesias pon o foco no Grupo Internaco, con máis de tres décadas de experiencia no sector, e está aberto á participación de todo o público interesado. A inscrición é de balde e pode formalizarse xa en liña na web www.roboticalugo.com
Lugo

A Escola Politécnica Superior de Enxeñaría do Campus Terra da USC afonda nas potencialidades que ofrece a AgroRobótica a través dun ciclo de relatorios e demostracións técnicas que se desenvolverá o vindeiro 19 de xullo en quenda de mañá, na sede universitaria luguesa. O programa, coordinado polos profesores do título de grao en Robótica Javier Bueno e Roberto Iglesias, e presentado este venres no marco dun acto no que tamén participou a directora da EPS de Enxeñaría, Rosa Romero, pon o foco no Grupo Internaco, unha empresa con sede no concello coruñés de Ordes creada en 1976 que conta con máis de tres décadas de experiencia no sector.

A robótica agrícola é un sector en expansión ao que os estudos de mercado lle auguran un rápido crecemento e implantación.  De feito, a industria da AgroRobótica aumentou o seu volume de facturación nos últimos anos de forma significativa e as previsións de negocio son moi favorables a curto prazo, tal e como o constata o feito de que cada verz son máis as empresas especializadas neste ámbito, segundo se puxo de manifesto na presentación deste ciclo sobre AgroRobótica, para que o inscrición xa se pode formalizar de balde en liña na web www.roboticalugo.com.

A organización desta actividade formativa e de divulgación sobre AgroRobótica na EPS de Enxeñaría da USC responde, segundo indican os seus promotores, á intención de aproveitar sinerxías entre algunhas das distintas impartidas neste centro universitario, tales como son os graos en Enxeñaría Agrícola e Agroalimentaria, Enxeñaría Forestal e do Medio Natural e Robótica, unha titulación pouco estendida en España e única no Sistema Universitario Galego que só ofrece a posibilidade de especializarse en AgroRobótica ao alumnado que completa esta formación no Campus de Lugo.

A implicación do grupo Internaco na celebración deste ciclo de AgroRobótica responde, segundo indicaron Iglesias e Bueno, á súa xa dilatada experiencia no sector e á forte aposta que está a realizar nos últimos anos neste ámbito de especialización. Daquela, cómpre lembrar que os seus primeiros pasos neste campo comezaron hai preto de 30 anos co robot cortacéspede da casa comercial sueca Husqvarna, unha achega tecnolóxica á que sumou recentemente a distribución dos robots FarmDroid e Naio, a través da súa participación na compañía AG Group.

Programa

As catro conferencias incluídas no programa, que se desenvolverá en quenda de mañá, a partir das 10.00 horas, no salón de actos da EPS de Enxeñaría de Lugo, permitirán ao público participante coñecer de primeira man as visións de catro expertos sobre a robotización de traballos relacionados coa xardinaría e a agricultura e as perspectivas de futuro que teñen sobre a súa implantación en España. Os relatores convidados a participar neste foro son Sergio Grau, director de Vendas de AG Group; Carlos Rivera, responsable de vendas de produtos Husqvarna e batería en España e Portugal; Josep Dalmases, responsable do departamento de Innovación de Ag Group, e a representante da compañía francesa Naio Technologies en España, Sophie Graillot.

Unha das principais novidades deste ciclo sobre AgroRobótica, que contan con apoio económico da Deputación de Lugo en en cuxa organización tamén colaboran para tarefas de difusión a Confederación de Empresarios de Lugo (CEL) e a Fundación Agroalimentaria de Galicia (FAGA),  estriba na celebración de sesións demostrativas nos campos de prácticas da EPS de Enxeñaría. Daquela, as persoas inscritas nesta xornada técnica poderá ver en funcionamento dous dos robots fabricados pola empresa francesa Naio Technologies: o modelo TED, para traballos en plantacións de viñedo, e o modelo OZ, para traballos en explotacións hortícolas.

The contents of this page were updated on 06.30.2023.