Skip to main content

A USC premia por segundo ano consecutivo os proxectos de ApS das súas aulas

O reitor coas persoas gañadoras e representantes de entidades colaboradoras. Foto: Servimav
O reitor coas persoas gañadoras e representantes de entidades colaboradoras. Foto: Servimav
Unha iniciativa de recuperación das tradicións a través da música e das artes fíxose co primeiro premio dos galardóns Responsabilidade Social e Innovación Educativa

A profesora do Departamento de Didácticas Aplicadas Carol Jean Guillanders recolleu este xoves de mans do reitor Antonio López o primeiro premio dos galardóns Responsabilidade Social e Innovación Educativa: a aprendizaxe-servizo (ApS) na docencia da USC polo proxecto ‘Recuperando as tradicións a través da música e das artes’, unha iniciativa levada a cabo con menores e maiores dos centros culturais do rural de Santiago.

Estes galardóns teñen como finalidade poñer en valor a participación social e a innovación educativa da USC cos axentes da súa contorna como ferramenta para o desenvolvemento de proxectos formativos que favorezan a calidade e a empregabilidade do alumnado. A esta segunda edición presentáronse un total de 11 experiencias de ApS na docencia realizadas na USC nos últimos tres anos.

O segundo premio do certame concedéuselle ao proxecto ‘Cara a unha gobernanza participativa do patrimonio cultural, material e inmaterial na cidade de Santiago de Compostela’ que asina o profesor da Facultade de Ciencias da Comunicación Enrique Castelló, e do que –coa participación de máis de vinte asociacións veciñais e culturais, 14 docentes e 400 estudantes de tres facultades- xurdiu un mapa sonoro dos barrios de Compostela.

O terceiro premio foi para Jacobo Limeres Posse, profesor de Odontoloxía, pola iniciativa ‘ DentisTEAndo’ que consiste na elaboración de materiais pedagóxicos e protocolos de actuación na atención a pacientes con necesidades especiais severas e, en concreto, con Trastorno de Espectro Autista. Desenvolvido en colaboración con Aspanaes, o proxecto busca facerlle máis sinxela “e levadeira” a súa estadía no odontólogo.

O acto de entrega tivo lugar no Salón de Graos de San Xerome e nel, ademais do reitor, interviñeron as vicerreitoras de Organización Académica e de Comunicación, Cultura e Servizos, Mar Lorenzo Moledo e Celia Besteiro Rodríguez; a responsable dos Centros Culturais do Rural do Concello de Santiago, María Pose Oreiro, e as estudantes de Ciencias da Comunicación Alba Pego Cores e Nuria Cancela López.

A ApS na USC A Aprendizaxe-Servizo (ApS) é unha metodoloxía educativa que integra os procesos de aprendizaxe coa realización de tarefas de servizo á comunidade. Así, nun marco de reciprocidade o alumnado traballa sobre as necesidades reais da contorna, permitíndolle mellorar o coñecemento nunha disciplina e ampliar a súa responsabilidade social.

O auxe da ApS na educación superior está ligado a unha activa relación da universidade coa sociedade civil á que a USC non é allea, de tal xeito que, de maneira pioneira no marco universitario español, hai uns anos comezou cun plan de actuación destinado a dar formación e impulsar proxectos de innovación educativa neste campo. Os premios que hoxe se entregan son parte deste plan, que xa na convocatoria primeira gozou de grande éxito.

The contents of this page were updated on 03.21.2019.