Skip to main content

Ciencia e xuventude na USC

XuvenCiencia inaugurouse na Facultade de Veterinaria
XuvenCiencia inaugurouse na Facultade de Veterinaria
Comezan os Campus Científicos de Verán en Santiago e Lugo

Os Campus de Santiago e Lugo recibiron este luns a estudantado de bacharelato e ESO para participaren en diversas actividades científicas. A Compostela chegaron trinta estudantes de primeiro de bacharelato, que escolleron a USC para asistir aos Campus Científicos de Verán que xa van pola súa novena edición. Pola súa banda, na cidade amullarada estarán toda a semana 150 estudantes preuniversitarios na VI edición do Campus de Verán XuvenCiencia.

Campus Científicos de Verán Logo de seren recibidos na Residencia Colexio Maior Fonseca pola vicerreitora de Comunicación, Cultura e Servizos, Mar Lorenzo, e polo coordinador dos campus científicos, Luís Hervella, os estudantes dos Campus Científicos de Verán marcharon a cadanseu centro para comezar a traballar nos proxectos que a USC lles propón.

Concretamente, estes futuros científicos e científicas participarán en ‘¿Como eliminar a contaminación da auga?¿Atrévete a investigar e innovar!’, ‘Buscando partículas no maior acelerador da historia: LHC’, ‘A maxia dos hidroxeles intelixentes’ e ‘MathematiCSI: Mathematical Scene Investigation’, dirixidos respectivamente por Gumersindo Feijoo Costa, Xabier Cid Vidal, Francisco Javier Otero Espinar e Mª. Victoria Otero Espinar.

Dirixidos a estudantes de 1º de Bacharaleto e 4º de ESO de toda España, os Campus Científicos buscan espertar vocacións científicas para así fomentar a investigación de excelencia e o desenvolvemento e a innovación tecnolóxica. No programa, que se prolongará durante todo o mes de xullo, participan 13 universidades con Campus de Excelencia Internacional que foron seleccionadas polo Ministerio de Educación conforme á valoración dos proxectos científicos presentados.

A iniciativa está organizada polos Ministerios de Educación e Formación Profesional e de Ciencia, Innovación e Universidades e a Fundación Española para a Ciencia e a Tecnoloxía (FECYT).

XuvenCiencia Xa en Lugo, a vicerreitora de Coordinación do campus de Lugo, Montserrat Valcárcel Armesto, presidiu na Facultade de Veterinaria a inauguración da VI edición do Campus de Verán XuvenCiencia, na que tamén tomaron parte a coordinadora deste programa impulsado ao abeiro do Campus Terra da USC, Mercedes Novo; o secretario xeral de Universidades da Xunta de Galicia, José Alberto Díez de Castro; o 5º tenente de alcalde e titular da Área de Desenvolvemento Sostible e Persoal do Concello de Lugo, Xosé Daniel Piñeiro Villares; e a deputada provincial Sonsoles López Izquierdo. A continuación, as profesoras da Escola Politécnica Superior de Enxeñaría, Ana Isabel García Arias e Ana Daría Ruiz González impartiron a charla divulgativa ‘Unhas pinceladas sobre os incendios forestais en Galicia’ seguida dun debate no que se incentivou a participación do alumnado.

A nova edición deste campus de verán, unha iniciativa orientada a estudantado preuniversitario de 4º de ESO e Bacharelato, presenta un ameno programa de aprendizaxe e convivencia, a través do que se busca dar a coñecer a 150 estudantes preuniversitarios os distintos itinerarios formativos que poden cursan nas seis facultades e escolas do Campus Terra, así como nos seus centros adscritos. Ademais, a VI edición do Campus Científico Internacional de Verán Xuvenciencia pechou este ano a mellor preinscrición da súa historia con 264 alumnos/as solicitantes de praza.

As distintas actividades incluídas no campus de verán XuvenCiencia Lugo desenvolveranse nas facultades de Ciencias, Humanidades, Administración e Dirección de Empresas, Formación do Profesorado e Veterinaria, así como na Escola Politécnica Superior de Enxeñaría e os dous centros adscritos. As visitas aos distintos laboratorios de investigación e servizos do Campus Terra e a centros e empresas colaboradoras (Aula de Produtos Lácteos, Laboratorio de Sanidade e Produción Animal de Galicia, Museo Provincial, Museo Universitario A Domus do Mitreo, AMSlab, Xenética Fontao, Hospital Universitario Lucus Augusti, Castro de Viladonga, Sotavento, Fundación TIC, LARSA, Quescrem, Finsa, CETAL) e a realización de talleres relacionados coas titulacións científicas, técnicas e sociais do Campus Terra centran as actividades programadas polos organizadores do campus en quenda de mañá.

O estudantado que tome parte en XuvenCiencia Lugo terá a ocasión de ser protagonista de diversos proxectos científicos, técnicos e sociais que versan sobre áreas de coñecemento moi diversas. Así, as propostas para este nova edición do campus abranguen un abano temático moi amplo que vai desde a análise das proteínas do leite e o iogur, crea o teu anuncio publicitario, xogando a ser xuíces ou prácticas clínicas veterinarias, entre outros.

Chegou a Santiago o primeiro grupo dos Campus Científicos de Verán

The contents of this page were updated on 07.02.2018.