Skip to main content

Un equipo do CiMUS avanza na reversión do exceso de sangrado en pacientes con síndrome de Noonan

Aproximadamente un 40% das persoas afectadas ten problemas de sangrado, na súa maior parte debido a disfuncións das plaquetas e anormalidades na coagulación sanguínea
Aproximadamente un 40% das persoas afectadas ten problemas de sangrado, na súa maior parte debido a disfuncións das plaquetas e anormalidades na coagulación sanguínea. Recreación de plaquetas no torrente sanguíneo IMAXE: Pixabay
O grupo dirixido por Ángel García descobre que un fármaco inhibidor da encima SHP2 mellora a función das plaquetas
Santiago de Compostela

A síndrome de Noonan é unha enfermidade conxénita que pode provocar, entre outros problemas de saúde, sangrado excesivo por defectos de coagulación ou falta de plaquetas. Un estudo do grupo Proteómica de Plaquetas do Centro Singular de Investigación en Medicina Molecular e Enfermidades Crónicas da USC (CiMUS) e do Instituto de Investigación Sanitaria de Santiago (IDIS), no que tamén participa a USC, dirixido por Ángel García, acaba de demostrar que o tratamento das plaquetas de pacientes con síndrome de Noonan cun fármaco inhibidor de SHP2 (chamado SHP099, e que se atopa en ensaios clínicos como antitumoral) reverte parcialmente os problemas de sangrado destes pacientes mediante a mellora da función plaquetaria.

A de Noonan é unha síndrome conxénita que evita o normal desenvolvemento de varias partes do corpo. Os pacientes presentan un aspecto facial característico máis pronunciado en bebés e menores. “Aproximadamente un 40% das persoas afectadas ten problemas de sangrado, na súa maior parte debido a disfuncións das plaquetas e anormalidades na coagulación sanguínea”, explican dende o equipo investigador. Entre estes problemas inclúese a mutación dun xene que dá lugar a unha maior actividade da fosfatasa SHP2, un tipo de encima coñecida por favorecer a supervivencia das células tumorais. Esta fosfatasa regula negativamente a activación das plaquetas mediada polo receptor de coláxeno GPVI, polo que unha maior actividade da mesma conduce a unha maior inhibición plaquetaria e os consecuentes problemas de sangrado.

Dificultade no diagnóstico

A síndrome de Noonan é unha enfermidade de orixe xenética relativamente frecuente cuxas manifestacións fundamentais son a talla baixa e dificultades no crecemento, a cardiopatía conxénita e un fenotipo facial característico. Os signos e síntomas desta síndrome varían, en grande medida, segundo a persoa e poden ser leves ou graves. Inclúense ademais problemas musculo-esqueléticos, dificultade de aprendizaxe, enfermidades oculares e de audición, trastornos linfáticos, afeccións xenitais e renais ou enfermidades da pel. “O diagnóstico é fundamentalmente clínico, e establecelo con seguridade pode resultar difícil, especialmente en adultos. Hai unha gran variabilidade nas manifestacións clínicas e o fenotipo resulta menos evidente coa idade”, apuntan dende o grupo do CiMUS da USC.

O traballo titulado ‘Role of SHP2 (PTPN11) in glycoprotein VI-dependent thrombus formation: Improved platelet responsiveness by the allosteric drug SHP099 in Noonan syndrome patients’ realizouse en colaboración coa Universidade de Maastricht e contou con financiamento dun proxecto europeo compartido entre Maastricht e a USC. Os resultados acaban de ser publicados na revista Thrombosis Research e formaron parte da tese de doutoramento de Delia I. Fernández de la Fuente, recentemente defendida como parte dun programa de doutoramento europeo centrado na procura de novos antitrombóticos, coordinado na USC por Ángel García.

The contents of this page were updated on 07.06.2023.