Skip to main content

A renovación do selo HR Excellence in Research acredita a excelencia da contorna laboral da USC para o desenvolvemento da carreira investigadora

A Universidade de Santiago de Compostela sumouse formalmente aos principios da Carta e o Código en xullo de 2016 e, en febreiro de 2017, obtivo o HR Excellence in Research Award. FOTO: Santi Alvite
A Universidade de Santiago de Compostela sumouse formalmente aos principios da Carta e o Código en xullo de 2016 e, en febreiro de 2017, obtivo o HR Excellence in Research Award. FOTO: Santi Alvite
Esta acreditación, para a que a Universidade acaba de superar un proceso de avaliación externo, supón un recoñecemento público ás institucións de investigación que ofrecen unha contorna estimulante para unha investigación de alto nivel e competitiva no ámbito internacional
Lugo, Santiago de Compostela

A USC acaba de renovar ata 2026 a acreditación HR Excellence in Research  que outorga a Comisión Europea, logo de superar un proceso de avaliación externo. O selo, xestionado por EURAXESS, supón un recoñecemento público ás institucións de investigación que, a través dunha estratexia definida (a Human Resources Strategy for Researchers-HRS4R), ofrecen unha contorna estimulante para unha investigación de alto nivel e competitiva no ámbito internacional, seguindo os  principios definidos na Carta Europea para o Persoal Investigador e no Código de Conduta para a Contratación de Persoal Investigador (C&C)

Neste senso, a comisión externa que visitou a USC no mes de xuño valorou a eficiencia do Plan de Acción da HRS4R desenvolvido pola institución compostelá. En concreto, o informe de avaliación emitido destaca que o impacto global na institución é “moi positivo”, tanto na execución e obxectivos definidos no Plan, como na súa adaptación aos cambios lexislativos asociados á reforma laboral. O documento destaca que a USC foi a primeira universidade española en adoptar medidas administrativas concretas para adaptarse ao Real Decreto 32/2021 do 28 de decembro de 2022. O informe avaliador tamén subliña que o persoal manifestou maioritariamente sentirse apoiado pola institución e que esta constitúe un óptimo lugar para desenvolver a súa actividade.

O comité de EURAXESS salienta que a USC manifesta un forte compromiso cunha “política de recursos humanos aberta, transparente e baseada nos méritos (OTM-R policy)”, alén de centrarse no “benestar do seus traballadores e traballadoras coa vista posta na estabilización dos contratos, a calidade das condicións laborais, o desenvolvemento profesional e o valor da mobilidade”. A creación dun Centro de Formación único e o traballo desenvolvido pola Escola de Doutoramento Internacional (EDIUS) cara á formación do persoal investigador foron outros dos aspectos destacados por EURAXESS que valora tamén en termos positivos a actividade da USC con respecto á igualdade de xénero.

Ademais, o equipo avaliador tamén salientou o compromiso da Universidade coa xestión de todo o proceso HRS4R, así como a determinación da comunidade científica da institución que se amosa tamén comprometida cos retos máis inmediatos. Neste eido, o informe recomenda cara ao futuro aumentar a presenza de todos os niveis da comunidade investigadora nos equipos e grupos de traballo asociados ao novo Plan de Actuación da HRS4R, para cuxa definición a USC tivo en conta, mediante un proceso participativo a través de enquisas, as valoracións do persoal investigador no que respecta á evolución dos principios da C&C nestes últimos anos. A aspiración final, tal e como recolle o informe, é que a estratexia HRS4R estea imbricada na estratexia global da institución.

A Universidade de Santiago de Compostela sumouse formalmente aos principios da Carta e o Código en xullo de 2016 e, en febreiro de 2017, obtivo o HR Excellence in Research Award. Este distintivo de excelencia, que actualmente teñen 697 institucións na UE, recoñece que as políticas e procesos de recursos humanos da Universidade ofrecen unha contorna laboral de excelencia para o desenvolvemento da carreira do seu persoal investigador, homologado cos máis altos estándares europeos.

Impulso da carreira profesional

Para impulsar a súa adopción en todos os países da Unión Europea (UE) e dar apoio ás entidades en proceso de implementación dos principios da Carta e o Código, en 2008 púxose en marcha a UE Human Resources Strategy for Researchers (HRS4R), cuxo selo HR Excellence in Research identifica ás entidades que incorporaron con éxito os principios da HRS4R nas súas políticas e prácticas. A través da plataforma EURAXESS – Researchers in Motion, ofrécese ás investigadoras e investigadores europeos información e servizos de apoio para o impulso da súa carreira profesional.

The contents of this page were updated on 07.06.2023.