Skip to main content

EqualSea Lab traballará na redución de capturas accesorias a través do proxecto REDUCE

O grupo encargarase de coordinar o paquete de traballo de planificación espacial mariña sostible e xusta. FOTO: Santi Alvite
O grupo encargarase de coordinar o paquete de traballo de planificación espacial mariña sostible e xusta. FOTO: Santi Alvite
A USC participa neste consorcio liderado pola Universitat de Barcelona e que pretende, a través de enfoques científicos interdisciplinarios e novos, xestionar a pesca peláxica industrial na Unión Europea e no Océano Atlántico Centro-Oriental
Santiago de Compostela

O EqualSea Lab, financiado polo Consello Europeo de Investigación e dirixido polo profesor do departamento de Economía Aplicada da USC, Sebastian Villasante, participará no proxecto ‘Reducing bycatch of threatened megafauna in the east central atlantic (REDUCE)’ co que se pretende, a través de enfoques científicos interdisciplinarios e novos, xestionar a pesca peláxica industrial na Unión Europea e no Océano Atlántico Centro-Oriental, “xa que está última é unha fonte importantísima de actividade económica e proteínas para a UE”, explica o profesor Villasante. 

Coordinado pola Universitat de Barcelona, o consorcio no que tamén participa o CSIC, CETMAR e a Universidat de València, acaba de recibir un financiamento de case nove millóns de euros. O proxecto busca reducir as capturas accesorias de especies (cetáceos, raias, ou tartarugas mariñas) destas pesqueiras e fundamentar unha xestión sostible para as pesqueiras industriais da UE que operan nesta rexión pouco estudada. Esta zona, que comprende as augas peláxicas do Golfo de Guinea, África Occidental, Macaronesia e a costa ibérica, “constitúe un punto quente de biodiversidade para unha gran variedade de megafauna mariña”, explican. A rexión é tamén o obxectivo da pesca industrial de 50 países, incluídas importantes frotas de cerco, palangreiras e arrastreiras da UE, con elevados índices de capturas accesorias de megafauna mariña diversa.

Accións

Ademais de polo profesor Sebastián Villasante, o equipo da USC intégrano Manel Antelo, Pablo Pita e Gill Ainsworth. O grupo encargarase de coordinar o paquete de traballo de planificación espacial mariña sostible e xusta e revisará a equidade nas políticas, procesos e prácticas institucionais e normativas existentes en relación coa xestión das capturas accesorias. Tamén elaborará mapas de risco baseados en zonas chave de biodiversidade e puntos críticos de capturas accesorias, dirixirá unha análise socioeconómica das repercusións destas capturas nas actividades pesqueiras e as respostas dos pescadores ante as mesmas, así como dos servizos climáticos prestados polos animais capturados deste xeito. 

Ademais, desenvolverase un Código de Boas Prácticas para a xestión das capturas accesorias na Unión Europea. O profesor Villasante é tamén investigador do Centro Interdisciplinario de Investigación en Tecnoloxías Ambientais da Universidade de Santiago de Compostela (CRETUS).  
 

Sebastián Villasante. FOTO: Santi Alvite
Sebastián Villasante. FOTO: Santi Alvite
The contents of this page were updated on 07.11.2023.