Skip to main content

A Cátedra de Vida Saudable axudará a combater “a pandemia da obesidade”

Promover a práctica dun estilo de vida saudable é un dos obxectivos da Cátedra. FOTO: Santi Alvite
Promover a práctica dun estilo de vida saudable é un dos obxectivos da Cátedra. FOTO: Santi Alvite
Un dos obxectivos nucleares desta iniciativa froito da colaboración entre USC e Xunta de Galicia é a creación dunha rede de investigación en promoción da saúde na comunidade
Santiago de Compostela

Garantir unha vida sa e promover o benestar para todas as persoas en todas as idades é a meta número 3 no marco dos Obxectivos de Desenvolvemento Sostible (ODS), definidos en 2015 pola Asemblea Xeral das Nacións Unidas. En coherencia con esta premisa, USC e Xunta de Galicia colaboran na creación da Cátedra institucional de Vida Saudable que porá o foco nos hábitos de vida sans e no envellecemento activo. “Vivimos nunha sociedade na que preto do 40% da poboación padece sobrepeso e un 16%, obesidade”, explicou o profesor da USC e director da Cátedra, Francisco Caamaño, no acto institucional de presentación da Cátedra. Así, facer fronte á “pandemia da obesidade” será un dos retos aos que se enfrontará a iniciativa presentada este martes 11, no Colexio de Fonseca, nun acto presidido polo reitor Antonio López e no que tamén participou o conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, e a directora xeral de Saúde Pública, Carmen Durán.  

“Ás universidades pídesenos que vaiamos máis alá das nosas funcións tradicionais, solicítasenos que xoguemos un papel de liderado en retos de transformación social como é o caso da vida saudable na que se centra esta Cátedra que hoxe bota a andar”, sinalou o reitor da USC. “A galega é unha sociedade que se caracteriza por unha elevada esperanza de vida, por iso debemos traballar para vivir máis en mellores condicións”, engadiu para despois repasar outras iniciativas nas que a USC está implicada no ámbito da vida saudable como é o caso da Cátedra de Cronicidade centrada nos coidados aos pacientes crónicos ou a participación na Fundación Dieta Atlántica coa que se promove unha alimentación saudable “que nos permita vivir moito e con mellores condicións”, dixo. 

Nesta mesma liña, o profesor Caamaño lembrou que “a medicina, a psicoloxía e a educación conforman elementos clave á hora de identificar hábitos de vida saudables, así como de modificar aqueles outros que non o son”. Neste senso, a intervención de todos os poderes públicos resulta, a xuízo do profesor Caamaño, unha peza indispensable para monitorizar, protexer, axudar e regular no ámbito da vida saudable. O relatorio central do acto correu a cargo de Fernando Artalejo, catedrático de Medicina Preventiva e Saúde Pública da Universidad Autónoma de Madrid, quen reflexionou sobre se España podería ser o primeiro país do mundo en controlar a pandemia da obesidade. 

Rede de investigación

 
Un dos obxectivos nucleares desta Cátedra, reflectido no convenio de colaboración, responde a un dos horizontes establecidos no Plan de Obesidade Zero da Xunta de Galicia 2022-2030, o de crear unha rede de investigación en promoción da saúde en Galicia e establecer, a través dela, un sistema de avaliación que permita coñecer o impacto real das actuacións para previr a obesidade. A meta deste Plan é reducir o sobrepeso da poboación galega nun 15% no ano 2030. Neste senso, o titular da Sanidade galega destacou que “é preciso adoptar unha actitude proactiva dirixida a previr e evitar o desenvolvemento de enfermidades”, destacando algún dos programas postos en marcha polo Executivo galego para este fin. “Queremos dar un paso máis, e non só favorecer a divulgación senón tamén unha contorna investigadora en Galicia sobre a vida saudable, xerando novo coñecemento e novas perspectivas innovadoras”, incidiu.

Actividades

 
O programa da nova Cátedra Institucional de Vida Saúdable inclúe entre as súas actividades as seguintes actuacións: a creación da rede de investigación e innovación galega en promoción da saúde; desenvolver novas liñas de investigación en hábitos de vida saudables e envellecemento activo ou potenciar as xa existentes; establecer un sistema de avaliación periódica do sobrepeso e a obesidade da poboación galega e dos cambios no comportamento relacionados cos seus factores protectores; realizar cursos, seminarios, conferencias e cantas actividades académicas redunden na difusión, o coñecemento e a práctica dun estilo de vida saudable, así como promover e organizar actividades que contribúan a facilitar a reflexión e o debate co fin de acadar o seu mutuo enriquecemento intelectual e a mellora da súa formación.

Tamén, entre as actuacións previstas pola cátedra atópase a colaboración co profesorado e departamentos da USC en todo aquilo que favoreza a formación integral do alumnado; favorecer a difusión e o coñecemento das investigacións realizadas mediante publicacións e outras accións de comunicación; a creación e mantemento dun fondo bibliográfico e documental sobre as materias específicas da promoción da saúde e as disciplinas con ela relacionadas; facilitar a inserción profesional dos e das estudantes da USC participando, no seu caso, nas actividades realizadas pola Cátedra e fomentar a colaboración entre a USC e o sector profesional no ámbito da promoción da saúde.
 

The contents of this page were updated on 07.11.2023.