Skip to main content

Unha boa percepción da propia saúde reduce os riscos de padecer depresión

Tal e como se explica na tese de doutoramento, a dependencia non só se relaciona con ter unha capacidade funcional máis ou menos preservada, senón que tamén garda relación coas necesidades e se estas se atopan cubertas ou non pola propia persoa ou por terceiros. FOTO: Santi Alvite
Tal e como se explica na tese de doutoramento, a dependencia non só se relaciona con ter unha capacidade funcional máis ou menos preservada, senón que tamén garda relación coas necesidades e se estas se atopan cubertas ou non pola propia persoa ou por terceiros. FOTO: Santi Alvite
A investigación desenvolvida por Francisco Javier Vicente Alba aborda o vínculo entre morbilidade, funcionalidade e necesidades na poboación maior de 65 anos
Santiago de Compostela

As persoas cunha mellor percepción da propia saúde teñen un risco menor de padecer unha depresión. Esta é unha das conclusións da tese de doutoramento que Francisco Javier Vicente Alba realizou sobre o vínculo entre morbilidade, funcionalidade e necesidades na poboación maior de 65 anos. O estudo conclúe que as persoas con depresión, deterioro cognitivo e/o patoloxías físicas terán un maior nivel de dependencia que o resto da poboación, un maior número de necesidades, en xeral, así como, de xeito específico, máis necesidades sen cubrir.

A investigación baséase na reanálise dun estudo epidemiolóxico comunitario realizado en Santiago de Compostela no devandito rango de idade. Trátase dun estudo descritivo e transversal  de morbilidade e outras condicións relevantes para a saúde cunha mostra de 367 persoas con clínica depresiva e/ou deterioro cognitivo e/ou pluripatoloxías físicas. Na tese revisouse o concepto de ‘necesidade’ e as diferentes ferramentas que existen para valoralo, centrándose nunha ferramenta específica, o Camberwell Assessment of Need for the Elderly (CANE). Esta escala foi desenvolta no ano 1999 e validada no ano 2004 ao caso español para identificar as necesidades nas persoas maiores, dividíndoas en cubertas ou sen cubrir.

Máis alá da historia clínica 

“O envellecemento normal non altera per se a capacidade para cubrir as necesidades propias, o que se traduce no mantemento dunha autonomía e dun benestar. Será a aparición de enfermidades físicas e mentais as que produzan un declive na funcionalidade da persoa. Os seus síntomas serán o obstáculo á hora de manter a autonomía e as necesidades”, explica Francisco Javier Vicente Alba.  Neste senso, a asistencia e a valoración das persoas maiores está a adquirir unha maior relevancia nas ciencias da saúde. Esta valoración, continúa o investigador, “debe ir máis alá das consultas médicas e da recollida habitual de datos da historia clínica que se fai en medicina, como son as enfermidades previas e actuais, o estado físico ou o tratamento medicamentoso, que conformaría o modelo bio-médico da medicina (modelo de ámbito hospitalario onde a intervención céntrase na enfermidade, como pode ser unha pneumonía)”. 

Baixo esta premisa, a valoración debe transcender o resto de esferas da persoa, como é a esfera psicolóxica e social, xa que se ten comprobado que “a dependencia/independencia é un construto que se apoia tamén nelas”. “Así, dúas persoas que foron ingresadas por unha fractura de cadeira serán máis ou menos dependentes e terán dous prognósticos totalmente distintos polos factores psicolóxicos e sociais: Está a persoa soa en casa? Que asistencia ou axuda ten? Ten familia ou amizades próximas?”, conclúe o investigador. 
 
Tal e como se explica na tese de doutoramento, a dependencia non só se relaciona con ter unha capacidade funcional máis ou menos preservada, senón que tamén garda relación coas necesidades e se estas se atopan cubertas ou non pola propia persoa ou por terceiros. “Coñecer as necesidades das persoas, a súa avaliación, é unha parte de grande importancia xa que dan unha imaxe global da situación e de como se afronta a vida diaria”, engade o investigador. 

A tese dirixida polo profesor da área de Psiquiatría Radioloxía e Saúde Pública, Raimundo Mateos, e codirixida pola profesora Carmen García Mahía, afonda en como as persoas maiores, e en concreto as persoas maiores con patoloxías físicas e/ou mentais, “son un grupo de maior vulnerabilidade e risco e teñen unha maior dependencia e unha serie de necesidades específicas que condicionan a súa autonomía”. En base a estas ideas, profundouse na relación que existe entre as diferentes patoloxías (físicas e mentais), o nivel de funcionalidade/dependencia e as necesidades, “co obxectivo final de mostrar a relevancia e a interrelación que ten a valoración das necesidades nas persoas maiores”.

“Con isto queremos facer fincapé na necesidade de protocolizar as valoracións das persoas maiores, promocionando a inclusión de ferramentas (escalas, entrevistas) para poder valorar as necesidades, dando especial relevancia aos maiores con pluripatoloxías físicas, problemas relacionados coa saúde mental (como é o caso da depresión) e deterioro cognitiva ou demencia”, conclúe.  
 

The contents of this page were updated on 07.12.2023.